Inicio Galicia Medio Ambiente destinará 6,5 millóns de euros a iniciativas que promovan a...

Medio Ambiente destinará 6,5 millóns de euros a iniciativas que promovan a recuperación e mellora dos espazos públicos dos concellos galegos

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda supervisou esta mañá os traballos levados a cabo para a humanización e ordenación da Praza das Américas no Concello de Noia


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que o departamento que dirixe destinará ao longo de 2020 un orzamento de 6,5 millóns de euros para levar a cabo actuación que promovan a recuperación e mellora dos espazos públicos dos concellos galegos, tal e como fixo o Concello de Noia.

A conselleira de Medio Ambiente supervisou hoxe os traballos levados a cabo na Praza das Américas, que consistiu na humanización e ordenación desta zona tan concorrida, e que agora verá equilibrada a convivencia entre o tráfico rodado e peonil.

Explicou que -tras as obras financiadas nun 70% pola Xunta- a Praza das Américas e a súa contorna está reorganizada dun xeito máis funcional e mellor ordenado, ao tempo que se definiu un espazo destinado ao aparcadoiro en boas condicións.Ángeles Vázquez indicou que Praza das Américas, e o seu contorno, é unha zona moi concorrida, que está moi próxima ao Centro de Saúde, na que se rexistra unha importante ocupación residencial e tamén é unha zona relevante para o comercio noiés, con negocios locais, supermercados e distintos servizos.

Así, o firme da estrada conta cunha nova capa de rodadura e construíronse novas beirarrúas para atender a grande concorrencia de peóns, que agora son máis amplas, achegando comodidade e seguridade; ao tempo que se clarificou o itinerario peonil e as zonas de cruzamento da vía. Ademais, executouse un firme de formigón no illote central da praza e reduciuse o radio da glorieta para posibilitar un mellor acceso de vehículos articulados e autobuses.

Recordou que esta actuación se executou ao abeiro dun convenio de colaboración, co fin de mellorar este punto da vila de Noia e que recolleu un investimento de máis de 80.000 euros. A conselleira tamén puxo de manifesto que esta colaboración é un “bo e claro” exemplo da necesidade de estreitar lazos e colaboracións entre as administracións, un dos obxectivos do Plan hUrbe, programa posto en marcha polo Goberno galego en 2010, xunto co obxectivo de fomentar a humanización das vilas de Galicia e promover o reequilibrio territorial na comunidade.

Por último, destacou que este tipo de actuacións dan cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas; en definitiva, pola preservación da identidade de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre