Inicio Galicia Medio Ambiente convocará en febreiro un concurso de ideas para integrar as...

Medio Ambiente convocará en febreiro un concurso de ideas para integrar as 1.600 vivendas públicas que se prevén construír en San Paio de Navia

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que a Xunta dispón de seis millóns de euros para urbanizar e construír vivendas en San Paio de Navia, bloqueados pola falta de aprobación do plan parcial

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que no mes de febreiro o Instituto Galego de Vivenda e Solo convocará un concurso de ideas para definir unha mellor integración das futuras vivendas coa contorna. Ángeles Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, realizou esta mañá unha visita á zona de San Paio de Navia; onde explicou que debido á execución de distintas tipoloxías residenciais é convinte facer unha proposta de como se artellarían no territorio.

Aclarou que se trata de dispor dunha ordenación tipo que servirá de guía e que recollerá, entre outros aspectos, propostas sobre a sustentabilidade, deseño, integración comunitaria e cohesión social e factores de equilibrio económico.

Durante a visita, reiterou unha vez máis que a Xunta de Galicia dispón dun orzamento de seis millóns de euros para urbanizar e iniciar a construción de vivendas en San Paio de Navia; un desenvolvemento que está bloqueado por non contar coa aprobación do plan parcial por parte do Concello de Vigo.

Recordou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) leva dous anos esperando pola aprobación definitiva. Explicou que en xaneiro de 2018 o Concello de Vigo aprobou inicialmente este plan parcial e 24 meses despois non conta coa aprobación definitiva, é dicir, “está bloqueado por unha esixencias da Administración local, como é a dotación dun novo instituto, cuestión que non é obxecto dun plan parcial”.Ángeles Vázquez aclarou que esta dotación é un asunto independente á aprobación do plan parcial; polo que solicitou ao alcalde que “deixe as escusas a un lado” e aprobe dito plan, co fin de non condicionar nin dificultar outros proxectos de importancia para Vigo, como son as 1.600 vivendas públicas que se poderán construír en San Paio de Navia.

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que se o Concello non aproba o plan antes de marzo tamén provocará que caduquen as permutas de solo por edificabilidade que dan acceso a 42.000 metros cadrados, imposibilitando aos veciños seguir vivindo nesta zona, con novas vivendas e con mellores servizos.

Unha vez máis, Ángeles Vázquez solicitou “sensibilidade ao alcalde cos veciños de Vigo”; pois coa súa xestión está a diminuír as posibilidades dos cidadáns de Vigo á construír un fogar. Lamentou que faga política con esta cuestión; pois mentres á Xunta lle esixe cuestións que non están dentro do plan parcial; ao Ministerio de Fomento non lle esixe o soterramento da VG-20, citou como exemplo.

En todo caso, a Xunta non se vai a quedar parada -afirmou- e, por iso, no mes de febreiro tamén adxudicará o contrato para a redacción do proxecto de urbanización deste ámbito, xunto coa convocatoria do concurso de ideas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre