Inicio Galicia Medio Ambiente convoca dous programas de axudas por preto de tres millóns...

Medio Ambiente convoca dous programas de axudas por preto de tres millóns para fomentar a promoción de vivendas en alugueiro

0

A partir de mañá os interesados poderán acollerse a estas subvencións, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto durante os próximos dous meses

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizará un total de 2.854.576 euros a fomentar a promoción de vivendas destinadas ao alugueiro por medio de dous programas de subvencións dirixidos a promotores, tanto públicos como privados. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convocan paralelamente as axudas para o fomento do parque de vivenda en alugueiro e as axudas para a promoción de vivendas destinadas a maiores de 65 anos e a persoas con discapacidade.

Este é o segundo ano consecutivo que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convoca este programa, ao abeiro do cal xa se concederon en 2019 axudas para a construción ou rehabilitación dun total de 96 vivendas por importe de preto de 2,4 millóns de euros. Todos os interesados na convocatoria deste ano poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e durante un prazo de dous meses.

Promoción de vivendas en alugueiro con carácter xeralA resolución pola que se convocan as axudas á promoción de vivendas en alugueiro con carácter xeral, cunha dotación de 1.535.654 euros para as anualidades 2020 e 2021, establece que a contía das mesmas poderá chegar ata os 350 euros por metro cadrado. As vivendas deberán destinarse ao alugueiro durante un prazo mínimo de 25 anos a persoas e familias con ingresos que non superen 4,5 veces a contía do indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), aínda que no caso das familias numerosas e de persoas con determinadas discapacidades, os ingresos máximos poderán chegar a 5 veces o IPREM.

Poderán beneficiarse destas axudas os promotores, tanto públicos como privados, así como cooperativas de vivendas de alugueiro, fundacións, empresas de economía social e organizacións non gobernamentais, entre outros, que cumpran os requisitos establecidos.

As subvencións poderán aplicarse tanto a vivendas de nova construción como a aquelas procedentes de rehabilitacións, sempre que as obras non foran iniciadas antes do 1 de xaneiro do ano 2020 e o inmoble conte con, polo menos, cinco vivendas. Tamén poderán aplicarse a vivendas con obras en curso paralizadas e que se retomen por esta vía ata a súa completa finalización.

Segundo as bases polas que se rexen estas axudas, establécense dúas contías en función dos ingresos dos futuros inquilinos das vivendas.

Así, cando as vivendas se vaian destinar ao alugueiro por persoas ou familias con ingresos que non superen tres veces o IPREM (4 ou 5 veces no caso de familias numerosas ou con determinadas discapacidades), o importe da axuda será de 350 euros por metro cadrado útil de vivenda e non se terán en conta nin o garaxe nin o rocho. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 por cento do investimento da actuación, cun límite máximo de 36.750 euros por vivenda.

O prezo de alugueiro destas vivendas tamén estará limitado, e oscilará entre os 3,70 e os 4,90 euros por metro cadrado útil de vivenda, sen incluír o prezo do garaxe e do rocho.

Por outra banda, en caso de que as vivendas se vaian destinar ao alugueiro por parte de persoas ou familias con ingresos que non superen 4,5 veces o IPREM (5 veces no caso de familias numerosas ou con determinadas discapacidades), o importe da axuda será de 300 euros por metro cadrado útil de vivenda, sen ter en conta o garaxe e o rocho. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 40 por cento do investimento da actuación, cun límite máximo de 31.500 euros por vivenda.

O prezo de alugueiro, neste caso, moverase entre os 4,12 e os 5,23 euros por metro cadrado, segundo a área xeográfica.

No seguinte cadro resúmense as contías das rendas en función dos ingresos dos inquilinos e o ámbito territorial no que estean as vivendas.

Ingresos máximos dos inquilinos

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre