Inicio Galicia Medio Ambiente concede máis de 1,3 millóns de euros en axudas para...

Medio Ambiente concede máis de 1,3 millóns de euros en axudas para executar proxectos de mellora e recuperación de espazos en Rede Natura e nos parques naturais da provincia de Ourense

0

A Delegada Territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, informou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural vén de resolver dúas ordes de axudas convocadas o pasado mes de xaneiro para investimentos non produtivos vinculados a realización de obxectivos agroambientais e climáticos nestas zonas.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de resolver dúas ordes de axudas para acometer nos anos 2018 e 2019 actuacións de preservación, recuperación e mellora en espazos incluídos na Rede Natura 2000 e no ámbito dos parques naturais de Galicia. En total, o departamento autonómico aprobou 93 proxectos na provincia de Ourense por un importe de 1.305.191,49 euros.

Tal e como explicou Díaz Mouteira, a través destas dúas ordes de axudas, publicadas o pasado mes de xaneiro e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural financiará investimentos non produtivos para acadar os obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito da Rede Natura 2000 e dos parques naturais de Galicia.

No caso da orde para proxectos Rede Natura, concedéronse na provincia de Ourense máis de 600.000 euros distribuídos nun total de 42 iniciativas, das cales 20 correspóndense a concellos con zonas Rede Natura, nos que se executarán actuacións por importe de 372.814,24 euros, e os 22 restantes son titulares de terreos forestais ou agrícolas situados nestes espazos protexidos, e asociacións ambientalistas e de custodia do territorio con terras agrícolas situadas en áreas elixibles, que desenvolverán actuacións por valor de 241.400,64 euros.

Polo que respecta ás axudas para acometer accións nalgún dos parques naturais da provincia de Ourense, a Delegada Territorial informou que o importe concedido na provincia de Ourense ascende a 690.976,61 euros, dos cales 239.790,44 euros destinaranse a concellos con toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural; 26.356,53 euros a empresas con domicilio fiscal nalgún destes concellos e 424.829,64 euros a titulares de terreos forestais ou agrícolas situados nos parques naturais e para asociacións ambientalistas e de custodia do territorio propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas nestes espazos. En total aprobáronse 51 actuacións nos parques galegos: 42 delas a proposta de particulares, 6 de concellos e 3 presentadas por empresas, sendo estas tres empresas da provincia de Ourense as únicas empresas beneficiarias en toda a comunidade autónoma.

A representante provincial do goberno galego destacou que o obxectivo común dos 93 proxectos seleccionados é restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nos sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado da paisaxe rural tradicional para o mantemento das condicións ambientais necesarias nas zonas pertencentes á Rede Natura 2000 e, particularmente, naquelas que teñen a consideración de parque natural.

Os proxectos, tal e como se prevé na convocatoria, executaranse en dúas anualidades. Os beneficiarios terán dous prazos para comunicar o remate das accións e solicitar o pagamento da axuda que lle corresponda: ata o 14 de setembro no caso da anualidade de 2018 e ata o 31 de marzo para a anualidade de 2019.

Plan de Desenvolvemento RuralCómpre lembrar que estas axudas inscríbense dentro do Plan de Desenvolvemento Rural, que recolle entre as súas liñas básicas de actuación conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático, e mellorar a calidade de vida da poboación rural a través da prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.

Neste sentido, o tipo de actuacións seleccionadas perseguen a mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, como a construción de cercas, sebes ou a restauración de muros; a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; a sinalización de camiños e outras de análoga natureza; accións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional (hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes…); ou actuacións para a preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais, de especies ameazadas ou de interese comunitario.

En canto aos beneficiarios das axudas, a maioría son particulares propietarios de terreos agrícolas e forestais, localizados nestas zonas, os propios concellos, asociacións ambientais e de custodia do territorio e, no caso concreto das axudas en parques naturais, tamén empresas con domicilio fiscal nun dos municipios localizados dentro do parque.

A consellería subvenciona o 100% do custo das actuacións, cuns importes máximos de axudas que, no caso da orde en zonas Rede Natura 2000, se sitúa en 20.000 euros por proxecto sempre que o beneficiario sexa un concello, e en 12.000 euros para o resto de solicitantes; e no caso dos incentivos dentro dos parques naturais, o investimento máximo para solicitudes presentadas por concellos é de ata 40.000 euros, e para as restantes tipoloxías de beneficiarios, de ata 12.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre