Inicio Galicia Medio Ambiente compromete unha achega de máis de 250.000 euros para a...

Medio Ambiente compromete unha achega de máis de 250.000 euros para a redacción do PXOM do Concello de Redondela

0

A conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Digna Rivas asinaron hoxe un convenio de colaboración en virtude do cal a Xunta aportará en cinco anualidades o 80% do orzamento base estimable para elaborar o documento

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aportará un total de 253.746,90 euros para a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Redondela. A achega do departamento autonómico suporá o 80% do orzamento base estimable para a elaboración do documento e farase efectiva de aquí ao ano 2023. Así se recolle no convenio de colaboración que asinaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que condiciona o pago das distintas anualidades á tramitación do plan, a medida que o concello acredite ante a Xunta os avances na redacción do mesmo.

Cómpre lembrar que a comezos de 2015 o pleno do Concello de Redondela aprobou a adxudicación dun contrato de servizos para a redacción do PXOM deste municipio, solicitando dous anos máis tarde á Xunta unha subvención co obxectivo de sufragar parte do custo. O convenio asinado agora entre ambas administracións compromete o financiamento necesario para poder finalizar o devandito plan e garantir canto antes a súa aprobación inicial por parte do pleno municipal.

A continuación, o Concello deberá someter o documento a información pública e, despois, aprobarao provisionalmente, último paso antes de que a Xunta revise toda a documentación e, se está correcta, lle dea a aprobación definitiva ao PXOM para que todos os veciños e veciñas de Redondela poidan contar cun planeamento acorde á realidade vixente.

As actuais Normas Subsidiarias de Planeamento (NSP) de Redondela, aprobadas no ano 1987, non se adaptan á nova Lei do Solo de Galicia, nin sequera ás normas urbanísticas de rango autonómico anteriores, polo que o planeamento xeral vixente neste concello pontevedrés está totalmente obsoleto.

Tendo en conta que Redondela necesita adaptar con urxencia o seu plan á lexislación en vigor e aos condicionantes urbanísticos e socioeconómicos actuais, e que todos os concellos limítrofes teñen xa o seu plan adaptado á Lei do Solo de 2016 ou están en trámite de facelo, a Consellería de Medio Ambiente considerou oportuno e xustificado comprometer unha achega de, como máximo, 253.746,9 euros co fin de colaborar no seu financiamento.10 millóns para axudar aos concellos cos PXOMA Xunta de Galicia ten atribuídas as competencias específicas en materia de urbanismo, entre as que se atopan o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento.

Entre as distintas vías ás que recorre o Goberno autonómico para fomentar que os municipios conten con plans propios cómpre sinalar as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos. De feito, nestes momentos ten comprometidos 10 millóns de euros a través de convenios de colaboración cos concellos que están a redactar os seus planeamentos.

No caso concreto de Redondela, a Xunta asumirá o financiamento do 80% do orzamento base estimable subvencionable, tal e como se prevé nas normas de financiamento aplicables a este tipo de convenios en función da poboación de cada municipio –que, neste caso, pertence ao grupo de concellos entre 20.001 e 50.000 habitantes-.

Nestes momentos e grazas á aposta realizada pola Xunta na última década polo urbanismo responsable, son xa 105 os concellos galegos que contan cun PXOM adaptado e acorde á normativa vixente. Deste total, 75 foron aprobados por este Goberno desde o ano 2009, sendo 17 os aprobados na actual lexislatura, iniciada en 2016.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre