Inicio Galicia Medio Ambiente compromete o seu apoio expreso á candidatura do Xeoparque Cabo...

Medio Ambiente compromete o seu apoio expreso á candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal ante a Unesco

0

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, vén de subscribir unha carta de respaldo á iniciativa como paso previo á remisión da proposta á Comisión Nacional Española de Cooperación


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de comprometer o seu apoio á candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal, que aspira a obter esta declaración por parte da Unesco como recoñecemento á riqueza xeolóxica da zona. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, vén de amosar a través dunha carta o seu respaldo expreso a esta iniciativa, promovida por sete concellos da Comarca de Ortegal: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

A candidatura dá así un paso decisivo e imprescindible para poder seguir avanzando cara o obxectivo de presentar o antes posible o seu proxecto ante o comité de avaliación da Unesco en España. De feito, a Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia establece que para que este tipo de propostas poidan ser remitidas á Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO, antes deberán contar cunha carta de apoio da Consellería competente na materia.

Na carta, a directora xeral xustifica o seu respaldo en que o ámbito que aspira á declaración atesoura “un patrimonio xeolóxico singular de gran relevancia e unha estratexia de desenvolvemento propia” relacionada co mesmo. Ademais, recoñece que de obter este recoñecemento internacional por parte do organismo da ONU, contribuiríase ao “desenvolvemento de novas iniciativas relacionadas coa xeoconservación, a educación, a investigación e a divulgación do patrimonio cultural, histórico e natural desta comarca.”O territorio incluído na candidatura, de feito, conta cunha superficie de case 630 km2 e é todo un referente na xeoloxía europea. Nese sentido, a declaración como xeoparque mundial permitirá darlle un novo pulo a estes valores xa coñecidos, ao tempo que abrirá novas oportunidades e posibilidades para unha dinamización social, cultural e económica da súa zona de influencia, que suma en total unha poboación de máis de 28.000 habitantes.Últimos pasos dadosAínda que foi no ano 2018 cando os sete concellos promotores da iniciativa comezaron co desenvolvemento técnico do proxecto, a candidatura experimentou un pulo definitivo nos últimos meses. Así, en novembro do ano pasado Belén do Campo recibiu a algúns dos alcaldes implicados para amosarlles o apoio da Xunta á iniciativa e ofrecerlles o seu asesoramento e colaboración.

O pasado mes de xaneiro, a candidatura tivo a súa presentación oficial en Fitur, unha das feiras de turismo máis importantes do mundo, e en abril constituíuse a asociación xestora do proxecto, cuxa memoria foi publicada o 17 de abril no Boletín Oficial da Provincia, abríndose a partir de aí un prazo para poder consultar o seu contido e facer as observacións que se consideren oportunas durante un período de 20 días.

Someter a proposta de declaración ao trámite de información pública e á consulta das administracións implicadas son, precisamente, outros dos requisitos imprescindibles que, segundo a Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia, terá que superar a proposta de declaración do Xeoparque Cabo Ortegal antes de remitila ao comité que se encargará da súa avaliación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre