Inicio Galicia Medio Ambiente comparte con alcaldes do centro de Portugal o...

Medio Ambiente comparte con alcaldes do centro de Portugal o modelo de traballo e de organización de Meteogalicia

0

Ángeles Vázquez recibiu hoxe na sede do servizo meteorolóxico a unha delegación da Comunidade Intermunicipal de Viseu Dão- Lafões que visita estes días Galicia


Unha delegación institucional integrada por alcaldes, técnicos e cargos directivos da Comunidade Intermunicipal de Viseu Dão- Lafões, do centro de Portugal, visitaron hoxe a sede central de MeteoGalicia para coñecer de primeira man o modelo organizativo e de traballo do servizo meteorolóxico da Xunta.

Durante o seu percorrido polas instalacións, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aproveitou para trasladarlles aos representantes lusos a importancia do labor realizado por MeteoGalicia, que nos seus 20 anos en funcionamento tense convertido en todo un referente en España, onde, lembrou, só Cataluña e País Vasco contan cun servizo similar de carácter autonómico.

Neste sentido, a responsable do Goberno galego incidiu no constante proceso de mellora e actualización que experimentou o servizo, salientando entre os logros máis recentes a instalación o ano pasado dunha ducia de novas estacións meteorolóxicas e 21 pantallas informativas en diferentes puntos da xeografía galega co fin de reforzar e ampliar a actual rede, composta por máis de 150 dispositivos meteorolóxicos para seguimento de datos, detección de fenómenos adversos, predición e fins climáticos e agrometeorolóxicos.

A visita da delegación lusa a MeteoGalicia tamén incluíu unha explicación técnica do traballo conxunto que realiza este organismo en colaboración coa Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega) e a Consellería de Medio Rural en tres áreas relacionadas coa xestión de situacións de risco: a predición operativa relacionada con posibles emerxencias, a meteoroloxía e o risco de incendios, e as alertas pola calidade do aire.

A delegación da Comunidade Intermunicipal de Viseu Dão- Lafões, que esta semana visitou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) da Xunta e hoxe reunirase tamén co director xeral de Montes, Tomás Pérez-Couto, é a terceira que recala en Galicia nos últimos anos procedente do Centro de Portugal. A este respecto, a propia conselleira subliñou a importancia de manter encontros deste tipo entre ambas rexións, que contan con “características medioambientais semellantes” que fan “esencial” poder compartir “experiencias e aprendizaxes” relacionadas co coidado do patrimonio natural.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre