Inicio Galicia Medio Ambiente comeza os traballos para acondicionar como zona verde a parcela...

Medio Ambiente comeza os traballos para acondicionar como zona verde a parcela de Xoán XXIII no concello de Santiago

0

Esta semana empezouse xa a acometer a poda das árbores e a próxima está previsto iniciar o movemento de terras, se a meteoroloxía o permite

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de iniciar as obras para acondicionar como zona verde unha parcela propiedade da Xunta localizada en Xoán XXIII, en Santiago de Compostela. Concretamente, os traballos empezaron esta semana coa poda das árbores existentes na zona e a previsión é que a partir da próxima e se a meteoroloxía acompaña, comecen os traballos con maquinaria e se poida iniciar o movemento de terras.

Cómpre lembrar que esta actuación, financiada pola Consellería, execútase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado no mes de xullo entre a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago para acondicionar estes terreos, propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (UGVS) e que se destinará á construción de vivendas protexidas.

Así, mentres non se poida empezar a edificar, o departamento autonómico comprometeuse a levar a cabo o acondicionamento inicial da parcela e o Goberno local, a asumir as tarefas de mantemento da nova zona axardinada resultante destes traballos.

Esta actuación, por tanto, permitirá desbloquear a situación urbanística duns terreos localizados xusto na porta de entrada ao casco histórico, a poucos metros da Praza do Obradoiro e ao carón da dársena de autobuses de Xoán XXIII, que moitos visitantes utilizan para chegar a Santiago.

O axardinamento da zona será unha primeira fase que permitirá reducir a curto prazo o impacto visual nesta zona de cara ao Xacobeo 2021. O seguinte paso consistirá en determinar con precisión o futuro da parcela, aínda que partindo da premisa de que se destinará a ampliar o parque público residencial da cidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre