Inicio Galicia Medio Ambiente comeza os traballos para a eliminación de sete puntos de...

Medio Ambiente comeza os traballos para a eliminación de sete puntos de vertido incontrolado no concello de Ribeira

0

As actuacións, cun custo inicial estimado en algo máis de 20.000 euros, enmárcanse dentro dun programa continuado da Xunta que ten por obxecto erradicar este tipo de focos de contaminación

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou hoxe os traballos para a eliminación de sete puntos de vertido incontrolado (PVI) no Concello de Ribeira cun custo estimado en algo máis de 20.000 euros. Esta nova actuación forma parte dunha campaña continuada da Xunta para identificar e erradicar estes focos, nos que se van acumulando residuos sólidos de distinta natureza co prexuízo que ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético.

No caso concreto de Ribeira, estes traballos súmanse aos xa realizados en anos anteriores. Concretamente, en 2014 emendáronse neste municipio un total de 16 PVIs cun custo de 23.783,98 euros e no ano 2015 procedeuse á eliminación doutros 13 vertedoiros nos que se investiron en total 36.437,4 euros.

En canto á nova actuación iniciada hoxe, os puntos sobre os que se está a intervir localízanse nos lugares de Camiño dos Remedios, Muíño de Correa, Braña de Muro, Mar de Couso, Outeiro das Ovellas, Fieiteira e Castiñeiras. Os traballos consistirán na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestas zonas e que, a primeira vista e sen prexuízo do que se poida atopar conforme avance a actuación, consiste en residuos procedentes de tarefas de construción e demolición, plásticos, madeira, pneumáticos fóra de uso, voluminosos, RAEEs e restos de poda.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

Así mesmo, tamén se traballará na revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.

Correcta xestión dos residuosCoa limpeza dos puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados polos vertidos incontrolados, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito entre a poboación de seguir depositando lixo nestes lugares.

Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para lograr unha correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe e tratamento, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos.

O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas responsabilidades en materia de xestión dos residuos urbanos, unha competencia municipal, e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).

Con este fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de anunciar que nas contas do vindeiro exercicio establecerase unha partida de 1,5 millóns de euros para continuar co esforzo de eliminar puntos de vertido incontrolado e recuperar os espazos naturais degradados, especialmente aqueles que se atopan en zonas protexidas dentro da Rede Natura. 

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

- Te recomendamos -