Inicio Galicia Medio Ambiente colaborará na reforma do parque infantil O Tres no concello...

Medio Ambiente colaborará na reforma do parque infantil O Tres no concello de Vilarmaior

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Vilarmaior asinaron o convenio de colaboración que permitirá substituír o solo actual por un pavimento de caucho


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará na reforma do Parque infantil O Tres, no Concello de Vilarmaior. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez Quintián, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que se executará a reforma desta dotación infantil.

O convenio ratifica un orzamento de máis de 45.000 euros, dos que a Xunta aportará un 70% do custo estimado da obra -é dicir, case 32.000 euros- e o 30% restante -case 14.000 euros- correrá a cargo do propio concello.

Este parque infantil está situado nas proximidades da piscina municipal e rodeado dunha zona con un número significativo de servizos. Ademais é un punto de encontro para as familias ao longo de todo o ano.

A pesar de que os xogos desta zona infantil están practicamente novos, os proxenitores prefiren achegarse a outros puntos, como o parque infantil de Miño, dado o estado actual do chan, que é de area. Nese sentido, a intervención que recolle o convenio de colaboración pretende substituír o solo actual por un pavimento de caucho e novo mobiliario urbano, atendendo así ás demandas dos pais.

Tras a sinatura do convenio, a Consellería de Medio Ambiente poderá licitar a obra, para as que se prevé un prazo de execución de tres meses, polo que sendo rigoroso cos prazos, esta actuación poderá ser unha realidade este mesmo ano.

Por último, a conselleira recordou que esta actuación enmárcase dentro do chamado Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións coma a comprometida hoxe co alcalde de Vilarmaior, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos.

De feito, grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre