Inicio Galicia Medio Ambiente colaborará co colectivo de escaladores para estudar o impacto desta...

Medio Ambiente colaborará co colectivo de escaladores para estudar o impacto desta práctica deportiva sobre o medio natural

0

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse con representantes da asociación Escalada Sostible Galicia (ESGa) para analizar a compatibilidade entre esta actividade e a protección da natureza e abordar a súa regulación dentro dos espazos naturais da comunidade


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a asociación Escalada Sostible Galicia (ESGa) colaborarán co obxectivo de promover estudos técnicos e obxectivos que axuden a determinar os posibles impactos desta práctica deportiva sobre as contornas naturais nas que se desenvolve. Así o acordaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e os representantes do colectivo de escaladores en Galicia, Alfonso Louro e Miguel Seoane, que mantiveron unha xuntanza para analizar posibles vías de cooperación e intercambiar opinións sobre a regulación da actividade nos espazos naturais da comunidade.

Así, a directora xeral e os voceiros de ESGa coincidiron no seu interese por lograr que a actividade da escalada sexa compatible co medio no que se desenvolve. De feito, tal e como incidiron Louro e Seoane durante a reunión, trátase dunha actividade tradicional, que se practica en plena natureza e contribúe á formación integral da persoa, ao potenciar a súa relación e o respecto cara ao medio natural.

Precisamente por esa estreita vinculación dos escaladores coa contorna, Belén do Campo informou aos representantes de ESGa das liñas de axudas que convoca anualmente a Xunta e ás que poden acollerse como asociación co fin de elaborar traballos e estudos científicos que axuden a determinar, en base a criterios obxectivos, o impacto que esta actividade poder ter sobre a natureza. As conclusións que se extraian, como subliñou a directora, contribuirían a fixar limitacións “máis precisas” no que respecta á súa práctica, sobre todo naqueles espazos que polas súas características gozan dalgún tipo de figura de protección.

A modo de exemplo, do Campo avanzoulles que a propia Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vai desenvolver unha serie de estudos científicos nesta liña, no marco do programa a seis anos que contempla o decreto de aprobación do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra –un dos espazos naturais que reúne mellores condicións para a práctica da escalada-.

Por último, Belén do Campo tamén se comprometeu a revisar os actuais procedementos de autorización para a práctica da escalada co obxectivo de acadar unha maior axilidade e simplificación da tramitación, en resposta precisamente a unha demanda do propio colectivo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre