Inicio Galicia Medio Ambiente avanza que o proxecto sectorial e o documento ambiental para...

Medio Ambiente avanza que o proxecto sectorial e o documento ambiental para ampliar o polígono do Corgo estarán listos en 2021

0
image_gallery.jpg

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse por videoconferencia co alcalde Felipe Labrada, ao que lle trasladou os últimos avances e os próximos pasos a seguir por parte da Xunta co obxectivo de duplicar a superficie actual do parque empresarial


A Xunta continúa avanzando nos traballos previos para poder levar a cabo a ampliación do polígono empresarial do Corgo (Lugo). Así llo trasladou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde do municipio Felipe Labrada, con quen mantivo unha videoconferencia para analizar o estado actual do proxecto e os próximos pasos a seguir.

Neste sentido e en resposta ao interese amosado polo rexedor, Vázquez Mejuto informouno de que a redacción do proxecto sectorial e o documento ambiental necesarios para poder acometer a ampliación xa están contratados e que a súa aprobación se producirá o próximo ano. Ao respecto, subliñou que o investimento previsto en 2021 por Xestur nesta ampliación ascende a 200.000 euros, que se destinarán a traballos técnicos.

En canto ás futuras obras de urbanización, cun custo estimado por parte da Xunta de tres millóns de euros, a conselleira de Medio Ambiente tamén lle adiantou ao alcalde que está previsto licitalas no terceiro trimestre de 2022.

Cómpre lembrar que a ampliación deste parque –promovido por Xestur a partir dun protocolo asinado en 2002 entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello- está incluída no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. A superficie útil da ampliación será de 95.000 metros cadrados divididos en 35 parcelas, o que suporá duplicar as dimensións actuais do polígono (92.284 metros cadrados).

Aínda que algún dos traballos e estudos previos á ampliación xa foron executados –sobre todo, cuestións de carácter técnico-, o groso do investimento previsto mobilizarase no período 2021-2023.

O ámbito no que se prevé desenvolver correspóndese co solo urbanizable pegado ao actual polígono, no que todas as parcelas están xa vendidas. Parte dos terreos nos que se asentaría a ampliación son de titularidade pública –pertencentes a Xestur ou ao Concello- e o resto, de propietarios particulares, polo que tamén haberá que adquirir este solo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre