Inicio Galicia Medio Ambiente asesorará ao Concello de Lousame na tramitación para a declaración...

Medio Ambiente asesorará ao Concello de Lousame na tramitación para a declaración do Parque San Lourenzo como un Espazo Natural Interese Local

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa de Lousame mantiveron unha reunión para analizar as demandas deste municipio en materia de equipamentos urbanos


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asesorará ao Concello de Lousame na tramitación necesaria para poder declarar como Espazo Natural de Interese Local (Enil) o Parque de San Lourenzo, situado na parroquia de Tállara. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta colaboración á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, coa que mantivo unha reunión de traballo, para coñecer as demandas deste municipio da provincia da Coruña en materia de equipamentos urbanos.

A conselleira trasladoulle que este mesmo verán se aprobou a nova Lei de Patrimonio Natural, un texto chamado a protexer e garantir a conservación de todos os valores e elementos naturais que conforman a Galicia verde e azul coa que se identifica á comunidade. Recordoulle á alcaldesa que -de acordo coa lei- a declaración dun novo espazo protexido levará aparellada a aprobación do correspondente instrumento de planificación, que terá unha vixencia indefinida.

Co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos urbanos do concello, a alcaldesa interesouse pola orde de axudas para a implantación de puntos limpos móbiles. Ángeles Vázquez explicoulle que a Consellería habilitou unha orde de axudas para colaborar coas administracións de carácter municipal e supramunicipal na adquisición de punto limpor móbiles, cun investimento neste capítulo de 647.000 euros. A conselleira invitou á alcaldesa de acollerse a esta liña de incentivos para habilitar este tipo de instalacións e mellorar e a ampliar o servizo que actualmente se ofrece grazas á rede galega de puntos limpos de Galicia (composta actualmente por 147 infraestruturas fixas) para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

Por último, outro dos puntos abordados na reunión foi a posibilidade de establecer liñas de colaboración para levar a cabo actuacións que permitan mellorar e recuperar as infraestruturas e equipamentos públicos e de uso colectivo. Nese sentido, a conselleira comprometeuse a analizar as posibilidades do departamento de Urbanismo, co fin sacar adiante proxectos que presente o Concello para dinamizar espazos de uso público neste municipio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre