Inicio Galicia Medio Ambiente aproba o PXOM de Ares, que completará a ordenación das...

Medio Ambiente aproba o PXOM de Ares, que completará a ordenación das áreas urbanas e mellorará as dotacións públicas

0

A conselleira Ángeles Vázquez asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do plan, que terá unha vixencia de 16 anos e substitúe ás normas subsidiarias de 1978


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do PXOM de Ares, un documento que marcará a evolución urbanística deste concello durante os próximos 16 anos e que outorga seguridade xurídica ao municipio, ao substituír as normas subsidiarias de planeamento municipal de 1978 por un plan moderno e actualizado.

Coa aprobación do novo PXOM de Ares son xa 106 os concellos galegos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente na comunidade. Vázquez Mejuto subliñou que con esta sinatura ponse fin a 15 anos de intenso traballo durante os que os redactores do plan tiveron que estudar ao detalle os 18,3 quilómetros cadrados que abrangue o municipio.

Entre os principais obxectivos do novo marco urbanístico aresán, a conselleira fixo fincapé no impulso do desenvolvemento urbanístico equilibrado e sostible dun concello que conta cun evidente patrimonio natural e medioambiental.

Concretamente, salientou que o novo PXOM contribuirá a completar a ordenación das áreas urbanas existentes, delimitando tres ámbitos de solo urbano consolidado e seis de non consolidado, así como a mellorar as dotacións públicas, desde o equipamento, ata a rede viaria e os aparcadoiros públicos na zona residencial e de praias, pasando polas zonas verdes. Neste sentido, no novo planeamento prevense un total de 293.654 metros cadrados reservados para espazos libres e verdes, e outros 212.000 metros para o sistema xeral de equipamento comunitario, cinco veces máis do mínimo esixido por lei.

Por outra banda, a conselleira tamén resaltou a aposta que se fai no PXOM pola posta en valor da infraestrutura portuaria aresán, un elemento clave para o concello pola súa función dinamizadora dos sectores pesqueiro e turístico. Ademais, tamén se fixa como obxectivo recoñecer e fomentar os núcleos tradicionais, potenciando o seu desenvolvemento e crecemento, sempre desde un punto de vista racional, pola vía da rehabilitación.

En canto ao solo urbanizable, o plan propón, por un lado, a creación dun ámbito destinado a usos industriais-terciarios, lindeiro co xa previsto no concello veciño de Mugardos, e por outro, unha zona de uso residencial pegada ao solo urbano de Ares, un municipio de 5.700 habitantes pero cuxa poboación supera as 9.0000 persoas durante o verán. A este respecto, a capacidade residencial prevista no PXOM é dun máximo de 1.921 novas vivendas.

Por outra banda, o novo PXOM tamén prevé o desenvolvemento de nove plans especiais e a preservación do solo rústico fronte ao desenvolvemento urbanístico, recoñecendo explicitamente a súa especial protección na liña establecida e marcada pola propia Lei do Solo de Galicia.12 millóns para axudar aos concellosCómpre lembrar que a Xunta ten atribuídas as competencias específicas en materia de urbanismo, entre as que se atopan o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento.

Entre as distintas vías ás que recorre o Goberno galego para fomentar que os municipios conten con plans propios cómpre sinalar as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos. De feito, nestes momentos ten comprometidos 12 millóns de euros a través de convenios de colaboración con 191 concellos que están a redactar os seus planeamentos e plans especiais.

No caso concreto de Ares, a achega económica da Xunta ascende a un total de 103.241,95 euros, o que supón o 100% do orzamento base estimable subvencionable, tal e como se prevé nas normas de financiamento aplicables a este tipo de convenios subscritos entre os municipios e o Goberno galego.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que o traballo desenvolvido pola Xunta desde 2009 en materia de urbanismo ten coma obxectivo final que non haxa ningún concello en Galicia sen PXOM. Na actualidade e tras a aprobación definitiva do PXOM de Ares, son xa 106 os concellos que contan cun planeamento acorde e adaptado ao marco urbanístico vixente na comunidade. Así mesmo, 76 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego e 18 deles só no que vai da presente lexislatura, que comezou no ano 2016.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre