Inicio Galicia Medio Ambiente aproba o primeiro PXOM de Castro de Rei que rexerá...

Medio Ambiente aproba o primeiro PXOM de Castro de Rei que rexerá o desenvolvemento urbanístico do concello os próximos 12 anos

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de aprobación definitiva do plan, coa que se pon fin á tramitación iniciada a mediados do ano 2008

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de aprobación definitiva do PXOM de Castro de Rei, o primeiro co que contará este concello lucense de pouco máis de 5.000 habitantes –no que rexía ata o de agora o Plan Básico Autonómico- e que está chamado a marcar a evolución e o crecemento urbanístico municipais durante os próximos 12 anos.

Con este anuncio, dáse un paso fundamental de cara á entrada en vigor do novo planeamento, pendente tan só agora de que o Goberno municipal publique a normativa e as ordenanzas do novo plan xeral no Boletín Oficial da Provincia e o inscriba a continuación no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cómpre lembrar que o Concello de Castro de Rei aprobou inicialmente o seu PXOM no ano 2010 e de forma provisional, por primeira vez, en 2016. Tras serlle requirida por parte da Xunta documentación adicional e unha serie de modificacións, o documento foi remitido de novo o pasado mes de abril á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para a súa aprobación definitiva.

Entre os principais obxectivos do novo PXOM, cómpre subliñar a organización do medio rural a través da definición das categorías de solo rústico determinadas; o recoñecemento da existencia e consolidación futura dos núcleos rurais, como elementos vertebradores residenciais do medio rural; o establecemento dunha ordenación que fomente a densificación e a finalización interior dos núcleos urbanos de Castro de Rei e Castro Ribeiras de Lea dentro dos seus límites actuais e prepare o seu crecemento futuro.

Así mesmo, o plan tamén quere posibilitar o desenvolvemento residencial e industrial sustentable nos ámbitos máis idóneos para iso co fin de acadar unha mellora socioeconómica do termo municipal no seu conxunto, e identificar os bens naturais e culturais do Concello, establecendo aquelas determinacións urbanísticas que garantan a súa preservación.

Por último, o PXOM prevé case 390.000 m2 para espazos libres e zonas verdes e algo máis de 291.000 m2 para desenvolver equipamentos comunitarios, o que supón unha superficie moito maior dos mínimos esixidos polo marco lexislativo vixente.

Apoio da Xunta aos concellosCoa aprobación definitiva do PXOM de Castro de Rei ponse fin a máis dunha década de intenso traballo que comezou a mediados de 2008 e durante a cal os redactores tiveron que estudar ao detalle os 177 km2 que abrangue o municipio e as súas 25 parroquias.

Cómpre lembrar que a Xunta ten atribuídas as competencias específicas en materia de urbanismo, entre as que se atopan o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento.

Entre as distintas vías ás que recorre o Goberno galego para fomentar que os municipios conten con plans propios destacan as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos. De feito, nestes momentos ten comprometidos 12 millóns de euros a través de convenios de colaboración con 191 concellos que están a redactar os seus planeamentos e plans especiais.

No caso concreto de Castro de Rei, a achega comprometida pola Xunta ascende a un total de 123.647,85 euros, contía da que actualmente tan só queda por abonar a última fase, correspondente ao trámite da aprobación definitiva.

Neste sentido, o traballo desenvolvido pola Xunta desde 2009 en materia de urbanismo ten como obxectivo final que non haxa ningún concello sen PXOM. Tras a aprobación definitiva do de Castro de Rei, son xa 108 os municipios que contan cun planeamento acorde e adaptado ao marco urbanístico vixente na comunidade. Así mesmo, 78 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego e 20 deles na presente lexislatura, que comezou en 2016 e rematará coa constitución do novo Parlamento o vindeiro mes de agosto. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre