Inicio Galicia Medio Ambiente aproba o Plan Xeral da Teixeira, que pon o acento...

Medio Ambiente aproba o Plan Xeral da Teixeira, que pon o acento na ordenación do rural e na aposta pola rehabilitación

0

Ángeles Vázquez asinou hoxe a orde de aprobación definitiva dun documento que virá substituír e actualizar a ordenación vixente no concello, que data do ano 2001

O Concello de A Teixeira xa ten un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) adaptado e acorde á normativa urbanística vixente. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da Teixeira, un trámite co que se pon fin ao traballo desenvolvido nos últimos 11 anos para dotar a este pequeno municipio ourensán dun marco legal moderno que substitúa á ordenación básica vixente desde o ano 2001 e contribúa ao desenvolvemento sostible do seu territorio.

Durante o acto de sinatura do PXOM xunto ao alcalde de A Teixeira, Antonio Cid, a responsable autonómica de Urbanismo subliñou que con este novo planeamento fomentarase a ordenación e a mellora dos 34 núcleos rurais identificados no municipio, onde o 97,5% do territorio está cualificado como solo rústico. Deste xeito, explicou que o documento se fixa entre os seus principais obxectivos evitar a degradación e a perda de construcións tradicionais incentivando a súa rehabilitación e favorecendo o uso e o aproveitamento do medio rural.

Na mesma liña e polo que respecta aos obxectivos en materia de vivenda, Ángeles Vázquez indicou que o novo planeamento prevé o desenvolvemento de novas edificacións, reservando un máximo de case 5.000 metros cadrados a uso residencial, pero incide principalmente na fixación de poboación pola vía de rehabilitar o xa construído e consolidar os núcleos existentes.

Máis alá das previsións referidas ao desenvolvemento dos núcleos rurais, o documento tamén propón a creación dun ámbito de solo urbanizable no que concentrar usos industriais e terciarios localizado ao sur do concello, entre o núcleo de Valilongo e o límite do termo municipal. Deste xeito, promóvese o desenvolvemento dunha área industrial ligada principalmente ao cultivo da vide e á comercialización de produtos vinícolas, un sector importante neste concello.

Tamén se pon en valor a explotación racional dos recursos naturais existentes en A Teixeira, apostando por aproveitar e desenvolver novas posibilidades como, por exemplo, a potenciación do turismo rural.

Así mesmo, resérvanse un total de 11.508,74 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes, un 3% máis do esixido legalmente; e outros 3.805,74 metros cadrados para equipamentos comunitarios, un 2,2% por riba da porcentaxe que fixa a lei.

Máis dun cento de concellos con PXOM adaptadoCoa aprobación definitiva do PXOM de A Teixeira son xa 102 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente en Galicia. 14 destes plans xerais foron aprobados no que vai de lexislatura.

Por último, Ángeles Vázquez lembrou que o traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos dez anos en materia de urbanismo ten coma obxectivo final que non haxa ningún concello en Galicia sen PXOM. Neste sentido, referiuse á aprobación da Lei do Solo no ano 2016 e do regulamento que a desenvolve; á recente posta en marcha do Plan Básico Autonómico e dos futuros Plans Básicos Municipais, que empezarán a redactarse este mesmo ano; ou ao inicio da tramitación da Lei de Ordenación do Territorio, un texto que de cumprise as previsións do Goberno galego, levarase ao Parlamento en 2019.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre