Inicio Galicia Medio Ambiente aposta por O Páramo para redactar o primeiro Plan básico...

Medio Ambiente aposta por O Páramo para redactar o primeiro Plan básico municipal

0

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo mantivo unha reunión co alcalde desta localidade, ao que lle trasladou que a Xunta asumirá a súa redacción

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de trasladarlle ao alcalde de O Páramo, Gumersindo A. Rodríguez Liz, que o seu municipio será o primeiro concello galego en contar cun Plan Básico Municipal. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Instituto de Estudos do Territorio (IET) serán os encargados de redactar este documento, que servirá de experiencia piloto e como mostra para a redacción dos restantes Plans Básicos Municipais (PBM).

Durante unha reunión co alcalde, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, explicoulle que a Xunta escolleu O Páramo -de entre os 37 concellos galegos susceptibles de dotarse dun PBM- tendo en conta o interese do propio Concello por este novo instrumento de ordenación, que recolle a Lei do solo.

Así, a directora xeral salientou que se trata dunha boa noticia para o Concello de O Páramo tendo en conta que no ano 2015 o goberno local viuse obrigado a rescindir o contrato de asistencia técnica para a redacción do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM); polo que na actualidade se rexe por unhas Normas Provinciais de Planeamento, aprobadas no ano 1991.

Leer más:  El juicio por el alijo del Karar comienza con solicitudes de nulidad de defensas que cuestionan la investigación

O Plan Básico Municipal dotará aos concellos galegos (de menos de 5.000 habitantes) dun instrumento urbanístico básico que lles permitirá ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

En definitiva, dotarán a ditos concellos dunha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Comunidade Autónoma, en colaboración e coa participación dos concellos, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.


- Te recomendamos -