Inicio Galicia Medio Ambiente amplía en case 300.000 euros a liña de axudas para...

Medio Ambiente amplía en case 300.000 euros a liña de axudas para crear e mellorar infraestruturas urbanas municipais

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se incrementa a dotación orzamentaria reservada en 2019 para axudar aos concellos de menos de 50.000 habitantes a executar actuacións de humanización de rúas e espazos públicos


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de ampliar en preto de 300.000 euros a dotación orzamentaria destinada este ano ás axudas para a creación ou mellora de infraestruturas urbanas en concellos de menos de 50.000 habitantes. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se acorda esta ampliación de crédito, un incremento que permitirá dispoñer en total para a anualidade 2019 de 1.096.097,29 euros para financiar as actuacións que resulten seleccionadas.

Esta revisión é posible grazas ás baixas que se produciron nos contratos de adxudicación realizados polos concellos beneficiarios da orde de axudas convocada en 2018. Deste xeito, existe no orzamento deste ano un remanente de crédito derivado da convocatoria anterior -273.597,29 euros-, que se destinará integramente a incrementar a partida prevista para a anualidade 2019 co fin de facer chegar estas axudas ao maior número de concellos posible.

Cómpre lembrar que esta orde de axudas foi convocada a finais do pasado mes de xaneiro, en réxime de concorrencia competitiva, co fin de subvencionar actuacións que busquen mellorar as infraestruturas urbanas, así como a humanización e mellora de rúas ou de espazos públicos. Tras o incremento de crédito acordado, o importe total que se destinará a esta orde de subvencións ascende a 2.719.997,27 euros distribuídos en dúas anualidades: 1.096.097,29 euros para 2019 e 1.623.900 euros para 2020.

Os beneficiarios, concellos con menos de 50.000 habitantes, deberán cumprir unha serie de requisitos, como ter remitida ao Consello de Contas a conta xeral do concello correspondente ao exercicio 2017 antes do remate do prazo para solicitar a axuda, non estar incursos en ningunha das prohibicións establecidas pola Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario, e acreditar a viabilidade do proxecto referido ao ámbito no que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez achegará un 80% do orzamento de cada actuación que pretenda crear infraestruturas, dotacións e instalacións vinculadas á prestación de servizos municipais, así como a humanización de rúas e espazos públicos, e terá un límite máximo de 96.800 euros por proxecto.

A Xunta promove desde hai anos este tipo de axudas para colaborar no desenvolvemento de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da poboación. Dáse resposta así ao obxectivo de promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social; mellorar as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis dos servizos dunha forma adecuada ás necesidades da poboación; incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos da comunidade; e fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.

Tramitación de solicitudes e criterios de valoraciónO prazo para a presentación das solicitudes por parte dos concellos interesados rematou a finais do mes de febreiro e nestes momentos, os expedientes atópanse na fase de requirimento de documentación. Cómpre precisar que a ampliación de crédito publicada hoxe no DOG non suporá a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes nin afectará en ningún caso á tramitación prevista.

A Xunta de Galicia estableceu na propia orde unha serie de criterios para determinar a axuda económica que se concederá en cada caso, polo que se terá en conta a situación do planeamento de cada concello, concedendo maior puntuación a aqueles que conten cun plan xeral aprobado ao abeiro da Lei 9/2002. Tamén se terá en conta o tipo de actuación a executar e a súa localización. Por último, analizarase a acreditación dunha boa xestión e o esforzo fiscal por parte da administración local solicitante, en atención á contribución media por habitante ao orzamento de ingresos liquidado de 2017.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre