Inicio Galicia Medio Ambiente adxudica por 27.000 euros a instalación e o mantemento de...

Medio Ambiente adxudica por 27.000 euros a instalación e o mantemento de seis puntos de información virtual nas entradas galegas da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés

0

As novas pantallas táctiles instalaranse nos concellos de Bande, Muíños, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios e Lobeira para mellorar o acceso dos visitantes á información relacionada con este espazo natural

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de asinar o contrato por un importe de 27.429,49 euros, IVE incluído, para a adquisición, instalación e mantemento de seis novos puntos de información virtual que se situarán en cada unha das entradas galegas da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Trátase dunha actuación cofinanciada nun 75% pola Unión europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do programa de Cooperación INTERREG VA ESPAÑA- PORTUGAL 2014-2020, e cuxo obxectivo pasa por mellorar a información dispoñible para os visitantes que se acheguen ata este espazo natural.

Como requisitos mínimos, os novos dispositivos deberán dispoñer dunha pantalla de 32 polgadas, tipoloxía LED e formato de 16:9, tecnoloxía táctil e sistema de carga de información a través de USB.

En canto ás características exteriores, contarán cunha cuberta de aceiro resistente a exteriores e unha cuberta de vidro antideslumbrante, un pé de ancoraxe ao chan, cristal especial temperado de 5 milímetros e antirreflectante, así como protección fronte a cambios meteorolóxicos e posibles actos vandálicos.

Os novos dispositivos de información virtual instalaranse nas seis entradas que dan acceso á reserva da biosfera. Así, no Concello de Bande estará localizado xunto ao Centro de Interpretación do campamento Aquis Querquennis e para a súa instalación precisarase unha condución exterior de cable de 15 metros de lonxitude; en Muíños situarase xunto a unha parede na entrada do Centro de interpretación Porta do parque de Muíños e non será necesario realizar obra para a súa instalación. No caso do Concello de Calvos de Randín, este dispositivo estará localizado na fachada do concello e non precisa obra; e en Entrimo, localizarase na entrada da Biblioteca municipal e, para a súa instalación, será preciso dispoñer un cable de 10 metros no exterior e outros tantos para o interior do edificio.

Por último, tanto no Concello de Lobios coma no de Lobeira, ambos dispositivos situaranse xunto á parede de entrada do Centro de interpretación Porta do Parque de Lobios e adosado a unha parede na entrada do centro de interpretación Porta do Parque de Lobeira. En ambos casos non é preciso realizar obras.

Ademais de realizar a instalación das novas pantallas táctiles, a empresa adxudicataria tamén se compromete a encargarse de prestar durante un prazo de 60 meses o correspondente servizo de mantemento e asistencia técnica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre