Inicio Galicia Medio Ambiente abre a partir de mañá o prazo de solicitudes para...

Medio Ambiente abre a partir de mañá o prazo de solicitudes para a pesca da lamprea no río Ulla durante a tempada 2019

0

O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se regula esta práctica e se fixan os trámites, requisitos e condicións que deben cumprir os pescadores interesados

O prazo para a presentación de solicitudes para a pesca da lamprea no río Ulla o próximo ano abrirase a partir de mañá. Así o anuncia o Diario Oficial de Galicia (DOG), que publica hoxe a orde pola que se regula esta práctica nas pesqueiras tradicionais do río e se fixan o período e as condicións para tramitar os permisos correspondentes á tempada 2019.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días contados a partir de mañá e os pescadores interesados deberán tramitalas preferiblemente por vía telemática a través da sede electrónica da Xunta, aínda que tamén poderán facelo de forma presencial, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común (oficinas de Correos, rexistros municipais e da Xunta, entre outros).

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado desta especie. Actualmente existen 28 pesqueiras operativas dentro das pesqueiras tradicionais no río Ulla.

Leer más:  Un hombre de 80 años fallece por ahogamiento en la playa de Caldebarcos, en Carnota (A Coruña)

As persoas interesadas en traballar a lamprea nestas zonas deberán estar en posesión da correspondente licenza de pesca e contar co permiso de cuarta categoría para cada día e pesqueira. Como é habitual, xunto cos permisos, entregarase un libro de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto, estar sempre a disposición das autoridades competentes e unha vez rematada a tempada, terá que ser enviado ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.

Tal e como establece a orde, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla expedirase a licenza das clases A ou B, segundo corresponda, na que se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira na que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no Anexo I da orde publicada hoxe.

Segundo a normativa, o vindeiro ano o período hábil de pesca da lamprea será:- Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 7 de xaneiro ao 30 de marzo.- No tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón) ambas incluídas, do 4 de febreiro ao 27 de abril.- No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis) todas incluídas, do 11 de febreiro ata o 11 de maio.

Leer más:  Juan Carlos I recibe en su casa la visita de la tripulación del 'Bribón' liderada por Pedro Campos

Polo que respecta aos horarios, as redes só poderán estar colocadas desde as 20,00 horas ata as 08,00 horas, quedando prohibida a realización dos labores de pesca –é dicir, que deberán levantarse as redes das pesqueiras- entre as 08,00 horas dos sábados e as 20,00 horas dos luns. O mesmo día que remate o período autorizado, retiraranse as artes de pesca.


- Te recomendamos -