Inicio Galicia Mato Otero defende ante o Consello Consultivo de Política Medioambiental que Europa...

Mato Otero defende ante o Consello Consultivo de Política Medioambiental que Europa traballe unida polo ambiente

0

O obxectivo da reunión era abordar co Ministerio para a Transición Ecolóxica a postura común das comunidades de cara ao próximo consello de ministros da UE

Madrid, 20 de xuño de 2018.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, participou hoxe en Madrid na sesión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios, unha reunión na que se abordou a postura común das comunidades españolas ante os principais asuntos a tratar no Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE do próximo 25 de xuño.

Durante o encontro, que estivo presidido pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, Mato Otero lembrou a importancia de que todas as institucións aposten de forma decidida polo medio ambiente e de que Europa traballe en rede e cunha fronte común pola súa protección.

Está previsto que durante a reunión dos ministros europeos da materia do 25 de xuño se aborden varios asuntos de relevancia para a futura estratexia europea de sustentabilidade ambiental: a proposta de regulamento relativo ás emisións de turismos e de vehículos comerciais lixeiros, a futura directiva sobre a calidade das augas para consumo humano, e as conclusións do plan de acción de economía circular.

Leer más:  Los trabajadores de Navantia Ferrol detienen la producción durante cuatro horas

Estes temas centraron tamén a reunión do consello consultivo de hoxe e previsiblemente seguirán marcando a axenda europea dos principais órganos e grupos de traballo en materia medioambiental durante os próximos meses.

Neste sentido, Mato Otero aproveitou a reunión para trasladar a postura de Galicia ante cada un destes grandes retos. Con relación ás emisións dos turismos, subliñou a importancia de promover unha transición xusta cara a vehículos non contaminantes da man dos propios fabricantes do sector automobilístico.

En canto á proposta de directiva relativa á calidade das augas para consumo humano, a conselleira explicou que as comunidades españolas defenderán a participación dos departamentos de saúde pública autonómicos, e dunha representación de municipios e asociacións de abastecedores de auga á hora de establecer os requisitos de calidade deste tipo de recurso.

Así mesmo, e con respecto á economía circular, Beatriz Mato puxo en valor o consenso sólido acadado en Europa arredor desta cuestión e sinalou como reto actual para as comunidades a necesidade de urxir á Comisión Europea a establecer criterios harmonizados para a clasificación de residuos. Neste sentido, indicou que a innovación é clave para o futuro da economía circular, o que fai necesario desenvolver máis indicadores de gasto en ecoinnovación. 

Leer más:  'Contra vento e marea' es una oda a la superación creada por Rebeliom do Inframundo y Fillas de Cassandra

- Te recomendamos -