Inicio Galicia Mañá remata o prazo de solicitude de axudas para crear casas niño...

Mañá remata o prazo de solicitude de axudas para crear casas niño no 100% dos concellos rurais sen servizos de conciliación

0

Esta liña de achegas conta cun crédito de dous millóns de euros para a adecuación dos inmobles e financiar a actividade, que é gratuíta para as familias


Mañá remata o prazo de solicitude de axudas para crear casas niño no 100% dos concellos rurais sen servizos de conciliación. O obxectivo é seguir a estender estes servizos de atención e de conciliación nos que se coidan a un máximo de cinco nenos por instalación sen custe ningún para as familias.

Esta nova convocatoria, aberta o pasado mes de xaneiro, está pensada para que se poidan acoller os municipios de menos de 5000 habitantes que non contan con recursos de atención continuada á infancia de 0 a 3 anos.

O orzamento global desta liña de achegas ascende a dous millóns de euros. Deste importe, 345.000 euros son para subvencionar obras de adecuación dos inmobles —15.000 euros por cada un deles— e 1,6 millóns de euros para o funcionamento diario da casa niño —19.600 euros anuais por cada casa—. Con esta orde de axudas, o Goberno galego dá a oportunidade de estender este servizo ao 100% dos municipios da nosa comunidade.

A día de hoxe, a Administración autonómica apoiou a posta en marcha de 75 casas niño, o que supoñen 375 prazas totalmente gratuítas de atención a nenas e nenos de 0 a 3 anos. A boa acollida desta iniciativa, posta en marcha no ano 2016, levou a que tan só queden 23 concellos en todo o territorio galego que aínda non teñen unha casa niño, unha escola infantil ou un punto de atención á infancia.

Máis apoios para as nais e paisAs casas niño forman parte da aposta do Goberno galego por facilitar a conciliación das familias. Estes centros súmanse a outras medidas como a gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos; as máis de 25.000 prazas de escolas infantís sostidas con fondos públicos; ou as axudas para a apertura de escolas de 0 a 3 anos nos polígonos industriais, confrarías e cooperativas agrarias.

Tamén no ámbito da atención á infancia, destaca a ampliación da tarxeta benvida ata os tres anos para as familias con menos recursos e o incremento da súa contía para aquelas que viven no rural; ou o bono concilia, para axudar a pagar a escola infantil a aquelas familias que non puidesen acceder a unha praza pública. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre