Inicio Galicia Mañá abre o prazo para acollerse ao programa de respiro familiar para...

Mañá abre o prazo para acollerse ao programa de respiro familiar para coidadores de persoas con dependencia ou con discapacidade

0

Mantense o respiro en residencia e ponse en marcha a nova modalidade de respiro no fogar para financiar a atención puntual, integral e directa no propio domicilio da persoa que precisa de coidados


A Xunta de Galicia abre mañá e ata o vindeiro 30 de setembro o prazo de presentación de solicitudes para acollerse ao programa de Respiro Familiar para coidadores e coidadoras non profesionais de persoas dependentes ou con discapacidade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os requisitos para beneficiarse desta proposta que ten por obxecto facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores e que presenta importantes melloras con respecto a anos anteriores.

A convocatoria dispón dun orzamento de 600.000 euros, máis do triplo do que se destinaba a estas iniciativas en edicións pasadas. Con estes fondos porase en marcha unha nova modalidade, respiro no fogar, e incrementaranse as contías das axudas concedidas para o respiro en residencia.

Con respecto á nova modalidade, o respiro no fogar, o Goberno galego financiará a contratación dunha coidadora profesional a domicilio para persoas con dependencia ou discapacidade, de modo que a coidadora habitual poida dispoñer dunhas horas para descansar. A través desta nova modalidade, financiaranse un máximo de 72 horas anuais, por unha contía de entre 7 e 14 euros á hora, segundo a renda per cápita da familia. Ademais disto, melloraranse as axudas concedidas ás persoas para o respiro en residencia.

A Xunta financia ás persoas con dependencia ou discapacidade estadías temporais, de fin de semana ou por un máximo de 15 días, nun centro residencial para o descanso da persoa que os coida. Neste novo programa, elévase un 50% a contía da axuda pública para estadías quincenais, dos 53 €/día aos 80 €/día; e aumenta un 45% a axuda de estadías para fin de semana, que pasa de 62 €/día a 90 €/día.

Poderán beneficiarse destas axudas os coidadores e coidadoras non profesionais que estean ao cargo dunha persoa que teña unha discapacidade igual ou superior ao 75%, que teña un grado de dependencia II ou III ou que, aínda que non dispoña dunha valoración de dependencia ou discapacidade, conte cun informe médico e social no que se certifique que a persoa coidada necesita axuda dunha terceira persoa para desenvolver as actividades do día a día.

Serán subvencionables os respiros familiares en residencia ou no fogar que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2020. Este programa é de concorrencia non competitiva, polo que as axudas iranse concedendo por orde de presentación das solicitudes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre