Inicio Galicia Máis dunha trintena de arquitectos e enxeñeiros visitan o Pazo de Quián...

Máis dunha trintena de arquitectos e enxeñeiros visitan o Pazo de Quián no marco do concurso de ideas para convertelo nun 'espello do rural'

0

O obxectivo é transformar o predio de Sergude, que alberga o Centro de Formación e Experimentación Agraria e o propio pazo, no Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais


O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, acompañou a máis dunha trintena de arquitectos e enxeñeiros na primeira visita contemplada no marco do concurso de ideas para converter o Pazo de Quián no Centro de Promoción e Imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia. Estas visitas, previstas nos pregos do certame, teñen como finalidade dar a coñecer a realidade do predio de Sergude aos potenciais interesados en transformalo nun espello do rural galego.

Representantes de gabinetes e estudos de arquitectura así como profesionais independentes puideron ver de primeira man as instalacións que albergan o Pazo de Quián e o Centro de Formación e Experimentación Agraria. O obxectivo do concurso de ideas é reconverter o predio de Sergude nun espazo que promova unha visión global do rural galego, nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o agro no tocante aos usos agrícola, gandeiro e forestal.

O gañador do primeiro premio deste concurso (dotado con 40.000 euros) poderá ser tamén o adxudicatario do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección da obra ulterior. O procedemento establece outros catro premios dotados con entre 25.000 e 10.000 euros. Nesta primeira fase, o concurso contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros, que inclúe os custos dos proxectos básico e de execución, así como da dirección de obra, pero o conxunto da intervención no pazo e a súa contorna suporá un investimento global de dez millóns.

A data límite de presentación de proxectos é o 18 de marzo deste 2020. A documentación deberá presentarse directamente na sede da Agacal, en Santiago de Compostela, a onde os interesados deberán dirixirse tamén para solicitar máis información.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre