Inicio Galicia Máis do 98,8% das medidas comprometidas polo Sergas a curto prazo para...

Máis do 98,8% das medidas comprometidas polo Sergas a curto prazo para mellorar a Primaria xa están rematadas ou en marcha

0

O Servizo Galego de Saúde xa completou a totalidade das accións definidas para a dotación de recursos humanos e o reforzo da formación


O 98,8% das accións a curto prazo comprometidas polo Sergas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 están xa finalizadas ou en marcha, e a execución alcanza o 100% nas actuacións das liñas estratéxicas orientadas á dotación de recursos humanos no primeiro nivel asistencial e ao reforzo da formación e docencia. O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e pola subdirectora xeral de Atención Primaria, Sinda Blanco, deu conta este luns do grao de cumprimento do plan, aprobado o pasado 16 de maio logo de meses de traballo colaborativo cos colectivos profesionais e de pacientes. O documento, dotado con 102 millóns de euros para as anualidades 2019-2021, reflicte o compromiso da Xunta de Galicia co sistema sanitario e coa Atención Primaria e se estrutura en 200 medidas, das que o 40% son accións a curto prazo, o 33% comprometen a execución en 12 meses e o 27% se implementarán en dous anos.

En materia de recursos humanos, precisou Antonio Fernández-Campa, estase a cumprir o compromiso de maior estabilidade, coa incorporación na oferta de emprego deste ano de 537 prazas do ámbito específico da Atención Primaria, entre as que se atopan 254 de médicos de familia, 93 de pediatras e 48 de enfermeiras especializadas. En paralelo, e no tocante ao persoal substituto, tense incorporado o novo nomeamento eventual de continuidade acordado polo Sergas con diversas organizacións sindicais para mellorar as condicións dos profesionais substitutos. O contrato garante un mínimo dun ano de vinculación estable (prorrogable ata tres anos) e equipara os dereitos deste persoal a nivel de descansos, permisos e complementos co persoal propietario ao que substitúen.

Entre as actuacións xa completadas, o xerente do Sergas detallou tamén o incremento de persoal coa dotación das 45 prazas adicionais pactadas para este ano coas organizacións sindicais e a inclusión nos orzamentos de 2020 das 102 prazas previstas para o ano próximo. Das 45 prazas incrementadas este ano, doce corresponden a médicos de familia e 25 a profesionais de enfermería.

Os primeiros seis meses de percorrido do plan deixan tamén cumpridos os obxectivos de reforzo da formación de especialistas, acadando na convocatoria 2019 a máxima oferta da serie histórica do Sergas. En concreto, neste ano se incrementaron 24 postos en medicina familiar, trece en enfermería especialista de Atención Primaria, sete en pediatría e seis na especialidade enfermeira de pediatría. Ao mesmo tempo, se avanzou na solicitude ao Ministerio dun aumento das prazas acreditadas nos centros galegos para poder elevar ata 139 a capacidade de formación de médicos de familia e ata 72 a de persoal de enfermería de Primaria.

Os avances nestes primeiros seis meses concrétanse igualmente na liña estratéxica de mellora da comunicación da Atención Primaria cos hospitais, coa implantación en todas as áreas sanitarias de consultores de referencia para as distintas especialidades hospitalarias a disposición dos médicos do primeiro nivel asistencial ou a materialización dunha das propostas que os grupos de traballo consideraron prioritarias: a definición dun interlocutor en cada servizo de admisión en quenda de mañá e tarde. Igualmente, repasou Fernández-Campa, se finalizou a definición e extensión a todos os centros de saúde dun catálogo de probas diagnósticas accesibles desde a Atención Primaria ou a implantación dos programas de polimedicados na Atención Especializada.

Reforzo da capacidade de xestión da PrimariaO xerente do Sergas detívose tamén nas accións encamiñadas a reforzar a capacidade de decisión da Primaria, con medidas como a creación dunha Subdirección Xeral específica e de direccións propias en cada unha das áreas sanitarias, a constitución do Consello Técnico de Atención Primaria ou a redución dos cupos de pacientes asignados a xefes de servizo e coordinadores para facilitarlles as súas funcións de xestión.

Por último, Fernández-Campa repasou o camiño andado en materia de dotacións, con 2,7 millóns de euros este ano para renovar os equipos de impresión e escaneado e 8,5 millóns para equipamentos e mobiliario clínicos. Tamén sinalou o xerente do Sergas a finalización das actuacións previstas para este exercicio como o novo centro de saúde de Gondomar (posto en funcionamento o venres), a ampliación do PAC de Laracha, a reforma do centro de saúde da Illa de Arousa ou a ampliación en Pazos de Borbén.

O compromiso para garantir o cumprimento do plan, garantiu Antonio Fernández-Campa, queda plasmado na dotación dos orzamentos 2020: 1.295 millóns para o primeiro nivel asistencial, que supoñen 46 máis que no ano que termina e un 32% da conta total do Servizo Galego de Saúde.

Xunto co Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, o xerente do Sergas recordou o documento no que 16 expertos independentes no ámbito da saúde teñen definido accións estratéxicas para o conxunto do sistema sanitario e o traballo do Consello Técnico de Atención Primaria, constituído como órgano estable e permanente para a formalización de propostas e a avaliación das accións de mellora do primeiro nivel asistencial. Tres iniciativas complementarias, subliñou Fernández-Campa, nas que sobresae o amplo nivel de participación acadado arredor da mellora do sistema e que sitúan a Galicia como a única comunidade, xunto con País Vasco, que ten sido capaz de liderar un proceso destas características.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre