Inicio Galicia Máis de 85.000 pacientes beneficiáronse do Decreto de tempos máximos para máis...

Máis de 85.000 pacientes beneficiáronse do Decreto de tempos máximos para máis de 100 patoloxías

0

O conselleiro de Sanidade informou no Parlamento que todas estas persoas foron atendidas con recursos propios do Servizo Galego de Saúde


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou hoxe no Parlamento que 85.200 pacientes se teñen beneficiado do Decreto de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas dende a súa entrada en vigor, en xaneiro de 2018. Dende entón e ata o 28 de novembro realizáronse 20.944 intervencións cirúrxicas de diagnósticos garantidos, 32.327 consultas de vías rápidas de cancro e 31.929 probas diagnósticas de vías rápidas de cancro. Toda esta actividade realizouse con recursos propios do Servizo Galego de Saúde.

Almuiña lembrou que o decreto marca un prazo máximo de espera de 60 días naturais, para as intervencións cirúrxicas programadas e non urxentes, no caso de cancros, patoloxía severa das válvulas cardíacas, aneurismas cerebrais, obstrucións/estenoses arteriais graves, desprendemento de retina e hidrocefalia. Así mesmo, establece un prazo máximo de espera de 45 días naturais para as primeiras consultas externas hospitalarias programadas e non urxentes de vías rápidas de cancro; e un prazo máximo de espera de 45 días naturais, para as primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas e non urxentes garantidas, relacionadas coas vías rápidas de cancro.

O decreto selecciona patoloxías oncolóxicas malignas, valvulopatías, patoloxías vasculares arteriais, patoloxías cerebrais benignas e patoloxías oftalmolóxicas, ata contemplar máis de 100 tipos de patoloxías importantes non urxentes. No que se refire ás doenzas oncolóxicas, o decreto fai referencia tanto ás cirurxías, que inclúen neoplasias, tumores neuroendocrinos e carcinomas, como ás primeiras consultas e probas diagnósticas e terapéuticas recollidas nas vías rápidas establecidas para cancro de pulmón, mama, colorrectal, próstata, vexiga, cabeza e colo, e melanoma. A estas doenzas irán incorporándose outras de xeito progresivo.

Para Almuiña, o Decreto de garantía de tempos máximos reflicte o compromiso do Sergas cos pacientes, xa que se pasou dunha xestión global de tempos de espera por prioridades, para todas as doenzas, a un compromiso individual por patoloxíasCómpre destacar, remarcou o conselleiro, que se desde o Servizo Galego de Saúde non se lle pode ofrecer ao cidadán a atención no tempo máximo establecido, este poderá optar por continuar na lista de espera no centro que lle corresponda ou requirir a atención garantida noutro centro acreditado da Comunidade Autónoma, ben nun centro público doutra área sanitaria, ben nun centro concertado.

Jesús Vázquez Almuiña destacou que a través do decreto de tempos máximos non só se amplían os dereitos dos cidadáns, senón tamén a súa autonomía, ao ofrecerlle información precisa para que poidan tomar as decisións correspondentes ao seu proceso de enfermidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre