Inicio Galicia Máis de 8.000 pacientes benefícianse da posta en marcha do Plan galego...

Máis de 8.000 pacientes benefícianse da posta en marcha do Plan galego de atención ao ictus

0
image_gallery.jpg

O Plan galego de atención ao ictus establece unha rede de atención a esta patoloxía en toda a comunidade autónoma


Máis de 8.000 pacientes foron atendidos nas primeiras catro horas e media dende que padeceron un ictus, grazas á posta en marcha, en xullo de 2016, por parte do Sergas, do Plan galego de atención a esta patoloxía. Ademais, as fibrinolises intravenosas realizadas superan as 1.700 e realizáronse máis de 900 tromboectomías mecánicas. No que vai de ano, activáronse máis de 1.900 códigos ictus.

A situación excepcional que estarmos a vivir por mor da pandemia provocada pola covid-19 non pode facer esquecer da atención dos pacientes que presentan outras patoloxías graves e moito máis cando son tempo-dependentes, como no caso do ictus.

O Plan permite diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia. Os seus obxectivos son reducir o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital; diminuír a demora na confirmación diagnóstica; adecuar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente; coordinar a actuación entre os distintos profesionais; e, ademais, diminuír as secuelas producidas polo propio ictus.

Para cumprir con eses obxectivos creáronse tres centros terciarios de Ictus (Complexos Hospitalarios Universitarios da Coruña, Santiago e Vigo), entendidos como centros específicos de cuidados agudos non intensivos para o tratamento do paciente con ictus, en que existan servizos de radioloxía intervencionista con capacidade de realizar unha trombectomía mecánica.

Tamén se crearon seis Equipos de Ictus (Complexos Hospitalarios Universitarios de Ferrol, Ourense e Pontevedra así como no Hospital Lucus Augusti; no Hospital da Costa en Burela e Povisa). Os equipos son grupos multidisciplinares de especialistas coordinados por un neurólogo ou outro especialista experto en ictus que colaboran no diagnóstico e tratamento do paciente con ictus e contan con protocolos de coidados sistematizados.

Ademais os Servizos de Urxencias dos seis restantes hospitais comarcais (Barbanza, Salnés, Monforte, Virxe da Xunqueira, Verín e O Barco) posúen a capacidade e formación necesaria para realizar a fibrinolise intravenosa no caso de identificar un episodio de ictus isquémico. Desta forma queda artellada a planificación en rede asistencial da atención ao ictus en todo o territorio galego.

Sinalar que cando unha persoa sufra algún dos síntomas de ictus, deberá chamar ben el ou ben algún acompañante ao 061. Estes síntomas resúmense, fundamentalmente, en tres Fs: Fala (non ser capaz de dicir correctamente palabras simples), Forza (non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos) e Faciana (non mostrar todos os dentes ao sorrir). Nese momento, o médico do 061 confirmará a existencia do ictus a través do protocolo específico, activará un código ictus e unha ambulancia recollerá ao paciente para o seu traslado ao hospital máis próximo, mentres a central do 061 avisa da súa chegadaEquidade no accesoO Plan galego de atención ao ictus establece unha rede de atención a esta patoloxía en toda a comunidade autónoma xestionada como unha área única para toda a poboación galega centralizada pola Central de Atención ao Ictus como a unidade de coordinación. Nela, un equipo de neurólogos expertos en manexo e diagnóstico do ictus, dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do ano, ofrecen, a través de telemedicina, soporte ao diagnóstico e tratamento, ao médico responsable do paciente calquera que sexa o hospital da rede sanitaria galega onde este se atope. Deste xeito, garántese o acceso da poboación máis afastada dos hospitais principais ao mellor recurso asistencial posible (neurólogo experto en ictus) e o mantemento da necesaria equidade no acceso para toda a poboación galega.

Coordinación telemática Hospital do Salnés e Clínico de SantiagoCon motivo do día mundial desta enfermidade, o Sergas realizou, esta mañá, unha videoconferencia entre o Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés e o Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Estes dous centros sanitarios da rede do Sergas abordan, dende hai anos, a través de Telemedicina, asistencias a pacientes aqueixados de ictus -ou infarto cerebral- atendidos nas rrxencias do hospital arousán.

Os profesionais de Urxencias do Hospital do Salnés, xunto cos neurólogos do complexo compostelán, coordinan telemáticamente os recursos para aplicarlle ao paciente, no menor tempo posible, o tratamento axeitado. Mentres os profesionais de ambos centros intercambian información en tempo real sobre a patoloxía do paciente, os responsables da Unidade de ictus do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago traballan coas imaxes, xa que este sistema permite utilizar diferentes ferramentas para dinamizar a asistencia.

Tal e como sinala Natividad Rodríquez Bouzada, médico de urxencias do Hospital do Salnés, “estamos ante unha enfermidade importante non só pola súa incidencia e pola súa alta taxa de mortalidade, senón tamén polas secuelas que xera xa que se calcula que aproximadamente un 60% dos pacientes con ictus presentan algún tipo de déficit ou trastorno”.

Segundo Natividad Rodríguez “é fundamental unha actuación rápida e eficaz, xa que existen tratamentos médicos avanzados na fase aguda desta enfermidade que melloran substancialmente os índices de mortalidade e as súas secuelas; pero máis importante é aínda a prevención, a actuación sobre aqueles factores de risco controlables e prevenibles”.

Entre os factores de risco que se poden controlar para previr esta enfermidade, a doutora Natividad Rodríguez subliñou “a hipertensión arterial, a diabetes mellitus, o tabaquismo, e as cardiopatías”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre