Inicio Galicia Máis de 77.000 visitantes achegáronse ao stand da Xunta en Fitur para...

Máis de 77.000 visitantes achegáronse ao stand da Xunta en Fitur para coñecer unha oferta turística que afonda na calidade

0

Os asistentes puideron coñecer polo miúdo, ao longo de cinco xornadas, a proposta de Galicia para o Xacobeo 2021 e experiencias vencelladas á natureza, o patrimonio cultural ou a enogastronomía como eixos de diferentes xeodestinos


Galicia volveu cumprir obxectivos durante a súa participación na 40ª edición de Fitur, a Feira Internacional do Turismo que remata hoxe en Madrid despois de cinco días de intensa actividade profesional e institucional na que estiveron representadas as provincias, cidades e xeodestinos da Comunidade.

O renovado expositor galego sumou máis de 77.000 visitas e conseguiu consolidar o atractivo da nosa sólida oferta turística grazas a unha proposta que se reforzou con experiencias ao redor da promoción da España Verde, o patrimonio sobranceiro, os Camiños de Santiago e, especialmente, o Xacobeo 2021. O fito chamado a ser o acontecemento cultural máis importante o vindeiro colleu impulso nos últimos días a través da colaboración público-privada. En concreto, a Xunta selou nunha semana catro novos acordos con Vegalsa-Eroski, Husqvarna, Iberia e Alsa, cos que xa se superan os 9 millóns de compromisos empresariais, que inclúen ademais abondosas accións divulgativas e promocionais vinculadas co vindeiro Ano Santo.

O expositor de Galicia acolleu máis de 40 presentacións e contou máis de 16 espazos divulgativos nos que estiveron representados os principais elementos que caracterizan á nosa Comunidade como destino. Dispúxose de áreas dedicadas ás catro provincias, ás sete cidades e a distintos xeodestinos. Do mesmo modo, tiveron unha presenza destacada as candidaturas a Patrimonio Mundial, así como outros elementos singulares do noso turismo como o Entroido, o turismo rural, o turismo activo ou deportes como o surf e o mergullo. En resumo, o stand de Galicia en Fitur foi un escaparate dun modelo turístico propio, sustentable e baseado na calidade.

Máis de 200.000 folletos, reunións e entrevistasDistribuíronse máis de 200.000 folletos e outro material de promoción das entidades participantes. Mantívose contacto, ademais, con preto de 200 xornalistas e bloggers de distintas nacionalidades que acudiron ao stand para obter información. Desde o punto de vista profesional, mantivéronse reunións cos representantes das Oficinas de Turismo de España no exterior que serviron para realizar a planificación anual de colaboración, así como contactos institucionais como México ou Panamá. A maiores, o sector turístico galego tamén estivo representado a través do Clúster Turismo de Galicia, que mantivo máis de 350 entrevistas entre profesionais tanto do territorio nacional como de países como Brasil, Colombia, Rusia, Xapón e China, favorecendo as relacións comerciais dos especialistas presentes na feira.

Aposta pola Galicia ruralEntre os múltiples atractivos amosados, fíxose fincapé en dous recursos chamados á dinamización turística da Galicia interior como son a candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno. No primeiro caso, anunciouse a entrega no Ministerio de Cultura y Deporte por parte da Xunta de Galicia da documentación para a súa revisión e envío á Unesco, culminado así o compromiso do Goberno autonómico para esta fase. E no segundo, avanzouse que o proxecto de mellora e sinalización de dita Ruta Xacobea será presentado en febreiro e contará cun investimento de 3 millóns de euros para actuar en 175 quilómetros de ruta distribuída por 13 concellos.

A presenza de Galicia en Fitur tivo tamén como fito destacado o anuncio do recoñecemento inmediato da Feira do Cocido de Lalín como festa de Interese Turístico Internacional, no que viña traballando dito Concello co apoio da Xunta. Esta distinción supón o máximo recoñecemento que se pode acadar no eido turístico, algo que, con esta incorporación, posúen xa 12 celebracións en Galicia. O Cocido convértese, a maiores, na primeira festa gastronómica en acadar este título en toda España.

Galicia resumida en 1.000m²Co obxectivo de intensificar a promoción do Xacobeo 2021, o stand de Galicia en Fitur estivo centrado neste aspecto. Entre outras novidades, deseñouse o túnel do Camiño. Un espazo que recreaba as sensacións que un peregrino experimenta a través dun un percorrido inmersivo de sons, vídeo e imaxes, entre outras opcións interactivas.

Nestes case 1.000 metros cadrados estiveron presentes elementos emblemáticos da cultura galega, como o pano propio do traxe tradicional, que engalanaba parte do stand a modo de fío condutor, ou a icónica cuncha de vieira en diferentes formatos, tratamentos e posicións. Durante toda a fin de semana, os visitantes poden gozar de obradoiros de xoiería a cargo de Silvereira, as actuacións músicas do grupo Vudú ou degustacións de vermús galegos ofrecidos polo Centro de Formación Carlos Oroza de Pontevedra e viños das cinco denominacións de orixe da nosa Comunidade. Esta última zona é coordinada por Francisco Jesús García, profesional galego da coctelería con diferentes premios nesta modalidade e cunha ampla experiencia docente.

O funcional expositor estivo dividido en distintas zonas habilitadas para presentacións, reunións de traballo, información e atención aos visitantes, con espazos como Galicia Soa, que recreaba sons representativos da Comunidade ou un área de degustación atendido por profesores e alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre