Inicio Galicia Máis de 700 persoas optarán a unha das 132 prazas de policía...

Máis de 700 persoas optarán a unha das 132 prazas de policía local que convoca a Xunta pola quenda libre

0

A primeira e segunda proba terán lugar o próximo 27 de outubro

Máis de 700 persoas optarán a unha das 132 prazas de policía local que oferta a Xunta a través da convocatoria unificada na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as listaxes definitivas de admitidos neste proceso, que suman un total de 722 persoas. Ademais, na resolución indícase tamén a data da primeira proba (test de coñecemento) e da segunda (proba de galego para os non exentos), que terán lugar o próximo 27 de outubro no recinto feiral de Silleda, no pavillón 2.

A proba de coñecementos consiste en 100 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria con catro respostas posibles e soamente unha correcta. Os aspirantes dispoñen dun total de 120 minutos para respondelas.

Trátase da segunda convocatoria que organiza a AGASP de acceso á categoría de policía local. Neste proceso selectivo, segundo o solicitado polos concellos, ofértanse 158 prazas en 28 concellos galegos: 132 pola quenda libre e 26 pola quenda de concurso-mobilidade.

A Xunta publicou a finais de 2017 un decreto para centralizar na AGASP as oposicións de auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen de forma voluntaria (actualmente, xa son 73 os concellos que se adheriron a este procedemento). O obxectivo da iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, á vez que se favorece a axilidade e transparencia dos procesos. En virtude deste convenio, os concellos fóronse unindo ao procedemento a través de convenios de colaboración para delegar estas competencias na Xunta.

O primeiro proceso de selección foi o de auxiliares coa celebración das probas entre maio e xuño de 2018 para optar a 109 prazas. En abril deste ano anunciouse a segunda convocatoria con 155 prazas para esta categoría. O proceso rematou en xuño coa adxudicación de postos. No caso da policía local, en novembro de 2018 comezou o primeiro proceso para esta categoría con 38 prazas en 23 concellos e en xuño publicouse o segundo para cubrir 158 postos en 28 concellos, dos que hoxe se publica a lista definitiva de admitidos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre