Inicio Galicia Máis de 3.200 persoas participaron nas actividades divulgativas e de formación...

Máis de 3.200 persoas participaron nas actividades divulgativas e de formación organizadas por MeteoGalicia ao longo de 2018

0

A maior parte das persoas que visitan o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente son estudantes de centros de primaria e secundaria e universitarios de carreiras como Física ou Enxeñaría Ambiental


Máis de 3.200 persoas participaron ao longo de 2018 nalgunha das actividades formativas e de divulgación celebradas en MeteoGalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, co fin de achegar á cidadanía o mundo da meteoroloxía.

A maioría dos participantes nestas visitas son estudantes de Educación Primaria, Secundaria e Especial, alumnos de Formación Profesional e universitarios. De feito, nos últimos anos tense constatado un interese crecente entre o alumnado das Universidades de Santiago de Compostela (USC) e de Vigo (UVIGO), sobre todo entre aqueles vencellados a titulacións de Enxeñaría Ambiental, Física, Química, Xeografía e Historia, e Educación.

As actividades a disposición dos centros e outros colectivos interesados, como poden ser asociacións culturais, divídense en sesións formativas sobre meteoroloxía e aparellos especializados na materia, charlas sobre contaminación ambiental, sesións sobre ruído ambiental e lanzamento de radiosondaxes.

Durante 2018 organizáronse en total 85 visitas a MeteoGalicia. Nas sesións formativas sobre meteoroloxía explicóuselles como se fai a predición meteorolóxica e as ferramentas que se empregan, amosando o funcionamento dos aparellos meteorolóxicos, o traballo de observación meteorolóxica e o mantemento da rede de estacións de MeteoGalicia.

Nas visitas centradas na contaminación ambiental dáse a coñecer o estado da calidade do aire na nosa comunidade e explícanse os métodos para o seu control, ademais de visitar a estación de medición da calidade do aire. As actividades e conferencias que imparten os técnicos de MeteoGalicia, en todo caso, adáptanse e adecúanse sempre á idade e aos intereses particulares de cada grupo, de modo que se afonda máis ou menos no contido da materia segundo o perfil dos visitantes. Así, no caso de que os alumnos sexan de Bacharelato, tamén se lles fai unha descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento. Para alumnos universitarios ou outro tipo de grupos explícaselles o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de MeteoGalicia, na que poden atopar toda a información que se precisa para realizar a predición.

Os técnicos do organismo tamén se deteñen nas súas charlas nun aspecto fundamental da meteoroloxía: a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos, facendo especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición. Estas actividades divulgativas están enfocadas tanto a estudantes de centros de ensinanza, como ás asociacións culturais.18 anos divulgando sobre meteoroloxíaCómpre lembrar que este tipo de visitas se realizan de forma periódica desde que MeteoGalicia comezou a súa actividade, hai xa 18 anos, ao entender que unha parte fundamental da meteoroloxía é dar a coñecer como se fan as predicións e medicións do medio atmosférico. Así mesmo, o 23 de marzo de cada ano, coincidindo co Día Meteorolóxico Mundial, organízase tamén unha xornada de portas abertas na sede de MeteoGalicia co fin de achegar á sociedade o traballo que se desenvolve desde o centro de predición e observación dos fenómenos meteorolóxicos.

Por último, desde o ano 2007 o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente colabora tamén cos centros educativos co obxectivo de apoialos no desenvolvemento de actividades didácticas relacionadas coa meteoroloxía e a observación meteorolóxica. Na mesma liña, desde 2012, MeteoGalicia participa no chamado Plan Proxecta liderado pola Consellería de Educación a través do programa MeteoEscolas. Concretamente, durante o curso escolar 2017-2018 participaron un total de 8.003 alumnos de 39 colexios galegos.

Primeiras visitas en 2019Durante o mes de xaneiro, retomaranse este tipo de actividades coincidindo coa reanudación da actividade escolar. Así, entre o día 15 e o 29 do mes que vén están previstas seis visitas de tres centros educativos. Na seguinte táboa resúmense as actividades programadas para xaneiro:ACTIVIDADES PREVISTAS EN METEOGALICIA EN XANEIRO DE 2019  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre