Inicio Galicia Máis de 250 xestores culturais participan no plan de formación en transformación...

Máis de 250 xestores culturais participan no plan de formación en transformación dixital tras triplicar o seu número de prazas

0
image_gallery.jpg

A boa acollida da iniciativa, impulsada pola Xunta e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, obrigou a incrementar a oferta inicial


Máis de 250 xestores culturais participan no Plan de formación para mellorar as competencias dixitais dos xestores culturais. A boa acollida desta iniciativa, impulsada pola Xunta e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) obrigou a triplicar a oferta académica inicial, fixada nas 80 prazas, e a abrir unha listaxe de agarda.

Precisamente, esta semana deu comezo o primeiro dos sete cursos incluído neste proxecto, que se desenvolverá ata o mes de decembro, e que se enmarca dentro do Plan de Reactivación do sector cultural para favorecer a recuperación desta industria fronte aos efectos da crise da covid-19. Os cursos estarán impartidos por especialistas docentes e contarán cunha orientación práctica para que os participantes poidan identificar e aplicar as estratexias e ferramentas dixitais máis adecuadas aos obxectivos, contidos e equipos da súa entidade. Ademais, a metodoloxía será totalmente online, permitindo unha aprendizaxe flexible ao ritmo do alumnado.

Dos participantes, un 29,2% son profesionais da xestión cultural do sector privado, un 26,2% do sector público, un 20% desempregados con formación/experiencia nesta materia, un 13,1% estudantes de formación superior con orientación profesional na xestión cultural e un 11,5% profesionais do sector social.

Xestión, marketing cultural ou ferramentas dixitaisEntre os asuntos que se abordan neste proxecto destacan materias como a propiedade intelectual na xestión e creación dixital, o marketing cultural no mundo dixital, as ferramentas dixitais para proxectos creativos, a comunicación e colaboración en contornas dixitais, o desenvolvemento de audiencias ou a participación cultural en tempos de distancia social.

De feito, a primeira das formacións, que rematará o 28 de setembro, leva por título A transformación dixital na xestión cultural e trátase dunha introdución panorámica á contorna dixital e ás claves para desenvolver unha estratexia e presenza dixital efectiva para proxectos culturais. O seguinte curso, Propiedade intelectual na xestión e creación dixital, comezará o 29 de setembro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre