Inicio Galicia Máis de 200 empresas do sector adhírense ao Bono Turístico da Xunta...

Máis de 200 empresas do sector adhírense ao Bono Turístico da Xunta para ofrecer os seus servizos no marco desta iniciativa

0

Entre elas atópanse Paradores, hoteis de cinco e catro estrelas, emprazamentos singulares como balnearios, pazos ou faros e medio cento de axencias de viaxes


Máis de 200 empresas, entre establecementos de aloxamento e axencias de viaxe, adheríronse xa ao Bono Turístico da Xunta, unha iniciativa dotada con 5 M€ que busca inxectar liquidez nas empresas desta industria, fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e impulsar a recuperación da economía e do tecido empresarial da Comunidade ante a crise da covid-19.

Así pois, entre os negocios que ofrecerán os seus servizos no marco deste programa atópanse a práctica totalidade dos Paradores da nosa Comunidade, hoteis de cinco e catro estrelas e preto de medio cento de axencias de viaxes. Do mesmo xeito, entre as empresas adheridas ao Bono Turístico figuran máis dunha vintena de establecementos de turismo rural, balnearios ou outros emprazamentos singulares como pazos, faros ou semáforos marítimos, conformando unha oferta de calidade e sustentable baseada nalgúns dos principais valores do modelo turístico galego, como son a enogastronomía, a paisaxe ou o termalismo.

Entre as opcións que ofertarán aos beneficiarios destacan produtos turísticos ou experiencias que deberán ofrecer un desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servizo e cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias adecuadas para garantir a máxima seguridade para traballadores e usuarios. Ademais, as empresas adheridas recibirán asesoramento por parte da Xunta e o Clúster de Turismo de Galicia sobre as dúbidas que presenten relacionadas coa operativa do mesmo.

Concesión por orde de inscriciónUnha vez completada a primeira fase de fase de inscrición das empresas do sector turístico, a semana vindeira abrirá o prazo de presentación de solicitudes para os beneficiarios, preto de 20.000 empregados dos sectores sanitario e sociosanitario que traballaron en primeira liña na loita contra a covid-19 e que poderán solicitar o Bono Turístico de xeito totalmente voluntario. O bono farase efectivo a través da entrega aos beneficiarios dunha tarxeta prepago da entidade financeira Abanca cun importe de 250 euros que poderá ser utilizada ata o 13 de decembro nos establecementos ou produtos turísticos adheridos. Coincidindo coa apertura do proceso de inscrición informarase aos usuarios dos pasos a seguir para efectuar as súas solicitudes de xeito telemático e sinxelo.

O Bono Turístico é unha medida recollida no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, aprobado no Consello da Xunta o pasado 30 de abril. Dito plan conta cunha dotación de 58 M€ para, entre outras medidas, apoiar a viabilidade do tecido empresarial potenciando a competitividade e favorecendo a súa adaptación aos novos requirimentos de seguridade sanitaria, a posta en marcha de novos produtos e solucións enfocadas ao escenario covid-19. Búscase así apoiar un sector que supón máis do 10% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e que dá emprego a preto de 125.000 persoas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre