Inicio Galicia Máis de 150 alumnos de galego no Bierzo, de viaxe de estudos...

Máis de 150 alumnos de galego no Bierzo, de viaxe de estudos en Galicia

0

O secretario xeral de Política Lingüística recibiunos hoxe pola mañá no peirao de San Adrián de Cobres

Un grupo de 157 alumnos e alumnas, residentes nas comarcas galegofalantes do Bierzo e de Sanabria, acompañados de profesorado de 11 dos 19 centros adscritos ao Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria enmarcado no Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León rematan hoxe a visita de estudos que os trouxo a Galicia para achegarse de primeira man á lingua e a cultura galegas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiunos hoxe pola mañá no peirao de San Adrián de Cobres, onde embarcaron para coñecer a Illa de San Simón. García Gómez animounos “a seguir estudando a lingua e a cultura de Galicia e tamén a falar galego nos vosos respectivos lugares de orixe para contribuírdes a manter a lingua nestes territorios galegofalantes do exterior”. Acompañounos a subdirectora xeral de Política Lingüística, Lourdes Batán.

O alumnado, que saíu onte de Ponferrada, tivo oportunidade de visitar Carril, a Illa da Cortegada e a Illa de San Simón; hoxe visitarán a vila mariñeira de Baiona e, xa de camiño de volta, Vilanova de Arousa e Santiago de Compostela. Durante esta viaxe, tiveron oportunidade de participar en actividades deportivas e de lingua, charlas de sensibilización medioambiental, visitas guiadas e outras actividades culturais.1101 alumnos e alumnas estudan galego en Castela e León este cursoO Programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria, iniciado no ano 2001, chega este ano aos 1101 alumnos e alumnas con 19 centros adscritos: no caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo, CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca e CRA Cubillos del Sil de León; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián. Canto aos centros de ensino secundario, o IES adscritos son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virgen de la Encina. Ademais, na EOI de Ponferrada estudan galego este curso preto dun cento de alumnos e alumnas.

Ademais de en Castela e León, a Secretaría Xeral de Política Lingüística promove o galego nos estudos preuniversitarios no IE Cañada Blanch de Londres, nos institutos cataláns do proxecto Galauda e mais no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires. Deste xeito, responde ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dá a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre