Inicio Galicia Máis de 15 actividades animan a II Feira do Libro de Ponteareas

Máis de 15 actividades animan a II Feira do Libro de Ponteareas

0

O municipio pontevedrés convértese desde hoxe e ata o domingo nun escaparate para os libreiros e nun punto de encontro entre escritores e lectores

A Feira do Libro de Ponteareas ofrece desde hoxe e ata o domingo un programa de actividades para todas as idades, que deron comezo esta tarde cun acto inaugural que contou co pregón da escritora Isabel Blanco, natural de Vigo, pero cunha estreita relación coa vila, e a actuación musical de Miguel Alonso. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor “as actividades centradas na dinamización da lectura” que durante catro días “farán do libro o protagonista da vida cultural de Ponteareas”.

Ata o domingo 29 desenvolverase na praza Maior unha programación de máis de 15 actividades relacionadas coa promoción da lectura e a cultura, pensadas para todos os públicos. Presentacións e sinaturas de libros, actividades infantís e percorridos literarios centran as propostas da feira, que tamén inclúe unha xornada dedicada á ilustración. Iniciativas coma esta contribúen, para Anxo Lorenzo, a poñer en valor a gran calidade da ilustración galega, en liña con iniciativas promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura como a exposición central das Letras Galegas, María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes”, que ofrece un percorrido polo universo literario da autora a través da ollada de oito ilustradoras e ilustradores galegos.

Precisamente, o lema deste ano das Feiras do Libro, Ler sen fronteiras, fai alusión á autora de orixe estrema homenaxeada coas Letras Galegas 2018.

No acto inaugural participaron tamén o vicepresidente da Federación de Librerías de Galicia, Antón Pedreira, e o alcalde do municipio, Xosé Represas. As librarías Pedreira, Lafer, Ledo, Cortizas, Milfollas e Terra participan nesta edición da feira, con descontos na compra de libros dun 10%. Os stands permanecerán abertos desde o xoves a partir das 18:00 horas. O horario de tarde prolóngase ata as 22:00 horas, excepto o sábado, que está pechado. Pola mañá, de venres a domingo, a apertura será de 12:00 a 14:00 horas.

As citas cos libros continúan por toda GaliciaDespois do domingo, as Feiras do Libro de Galicia 2018 proseguen a súa itinerancia polas catro provincias galegas nos municipios da Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. A Consellería de Cultura e Educación colabora con esta iniciativa coa achega, a través da Secretaría Xeral de Cultura, de 120.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre