Inicio Galicia Máis de 10.000 persoas solicitaron xa o bono turístico nos primeiros 15...

Máis de 10.000 persoas solicitaron xa o bono turístico nos primeiros 15 días, cubrindo máis do 50% das prazas ofertadas

0

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións subliñou a boa acollida desta iniciativa, impulsada pola Xunta e o Clúster Turismo de Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, destacou a boa acollida do Bono Turístico, impulsado pola Xunta e o Clúster Turismo de Galicia, ao recibir en apenas 15 días solicitudes para máis do 50% das prazas ofertadas, superando a barreira das 10.000. Esta iniciativa supón unha inxección de 5 millóns de euros nas empresas desta industria e permitirá fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e favorecer a recuperación económica e a creación de emprego tras a crise da covid-19.

No marco deste proxecto, preto de 20.000 empregados dos sectores sanitario e sociosanitario que traballaron en primeira liña na loita contra a covid-19 están recibindo unha tarxeta prepago de Abanca con 250€, de carácter nominativo, que poden empregar nas máis de 320 empresas e produtos adheridos ata o 13 de decembro. Precisamente, Román Rodríguez, visitou hoxe xunto co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, un dos negocios adheridos, o hotel Villa Covelo en Poio.

Durante a visita, o responsable de Cultura e Turismo en funcións quixo agradecer o esforzo e implicación das empresas do sector á hora de adaptar os seus establecementos aos requirimentos da actual crise sanitaria. Neste sentido, subliñou que a recuperación do sector turístico é unha “tarefa colectiva” que precisa a colaboración de todos os axentes implicados.

Efecto multiplicador no sectorRomán Rodríguez puxo o Bono Turístico como exemplo de medida que demostra o compromiso do Goberno galego con esta industria, xa que xerará un importante efecto multiplicador desde este verán e ata finais de ano, favorecendo a desestacionalización do turismo. En concreto, solicitaron a súa adhesión a este programa máis de 320 establecementos de aloxamento e axencias de viaxe entre os que se atopa a práctica totalidade dos Paradores da nosa Comunidade, hoteis de cinco e catro estrelas e máis de medio cento de axencias de viaxe.

Tamén figuran máis dunha vintena de establecementos de turismo rural, balnearios e outros emprazamentos singulares como faros, pazos ou semáforos marítimos, conformando unha oferta de calidade e sustentable baseada nalgúns dos principais valores do modelo turístico galego, como son a enogastronomía, a paisaxe ou o termalismo.

Entre as opcións que ofertan aos beneficiarios destacan produtos turísticos ou experiencias que ofrecen un desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servizo, sumando así unha bonificación por parte do propio sector, e compren coas medidas hixiénico-sanitarias adecuadas para garantir a seguridade de traballadores e usuarios. Neste momento son xa 315 os paquetes trísticos incluídos e preto de 200 ofertas rexistradas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre