Inicio Galicia Máis de 1.000 voluntarios de Protección Civil colaborarán na organización da xornada...

Máis de 1.000 voluntarios de Protección Civil colaborarán na organización da xornada electoral do 12 de xullo

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu esta mañá nunha reunión por videoconferencia cos representantes de Protección Civil das catro provincias o labor imprescindible das agrupacións na loita contra a pandemia


Máis de 1.000 voluntarios de Protección Civil colaborarán na organización da xornada electoral do 12 de xullo, tal e como trasladou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda na xuntanza que mantivo esta mañá con representantes das asociacións provincias de agrupacións de voluntarios de Protección Civil, aos que agradeceu tamén o traballo que levan facendo nestes meses na loita contra a pandemia do coronavirus.

Alfonso Rueda destacou “o importante papel que terán os voluntarios o día das eleccións, tanto nos controis de aforo como nos controis do persoal xa que teñen unha gran experiencia no control das concentracións de persoas polo que contaremos con máis de 1.000 voluntarios que contribuíran a que sexa unha xornada electoral que se desenvolva con plena normalidade e con plenas garantías”.

Deste xeito, os voluntarios poderán colaborar en evitar aglomeracións e vixiar que se respecte a distancia de seguridade, tal e como se recolle no protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo aprobado pola Xunta, que foi avaliado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e conta co visto bo do comité clínico. Así, organizarán a entrada dos votantes, dando prioridade aos maiores e ás persoas con algún tipo de discapacidade.

Tamén velarán polo cumprimento das pautas de protección individuais por parte dos electores e das persoas integrantes das mesas electorais recollidas no protocolo de medidas preventivas fronte á covid-19. O uso da máscara é obrigatorio para os electores, polo que ás persoas que non a traian do domicilio entregaráselle algunha das que estarán a súa disposición no local electoral, ademais de recordarlles que deben hixienizar as mans antes de facer entrega do voto empregando o xel hidroalcohólico que haberá en todos os locais.

Ademais, a Xunta colocará en todos os locais cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Tamén se intensificará a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas. E o Goberno galego asumirá todos os custes que xeren estas medidas.

O vicepresidente da Xunta resaltou ademais o traballo realizado polas agrupacións de voluntarios de Protección Civil estes meses desde que foron mobilizados tras a activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga). Baixo a coordinación do Goberno galego, levaron a cabo numerosos operativos cos que velar polo benestar dos seus veciños con accións como o reparto de alimentos e medicamentos, visitas a persoas que viven soas para comprobar o seu estado ou intervencións de emerxencia. Tamén colaboran noutras tarefas como a desinfección de lugares de elevada afluencia de persoas e apoian ás forzas e corpos de seguridade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre