Inicio Galicia Luisa Piñeiro reafirma a "colaboración e compromiso" da Xunta con Vilagarcía de...

Luisa Piñeiro reafirma a "colaboración e compromiso" da Xunta con Vilagarcía de Arousa tras investir 38 millóns de euros en catro anos

0
image_gallery.jpg

A primeira visita institucional incluíu unha reunión de traballo co alcalde, Alberto Varela, na que se abordaron asuntos de saúde, infraestruturas e augas


A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou na xornada de hoxe a “colaboración e compromiso” do executivo galego co Concello de Vilagarcía de Arousa na súa primeira visita institucional e destacou a “forte aposta” realizada no municipio tras investir máis de 38 millóns de euros nos últimos catro anos.

A representante autonómica celebrou unha reunión de traballo co alcalde, Alberto Varela, na que se abordaron asuntos e proxectos vencellados á sanidade, as infraestruturas e as augas, principalmente, que se formalizaron en peticións concretas como o novo centro de saúde, a estación intermodal -que tamén precisa da implicación estatal a través do Adif-, a ampliación de solo industrial coa segunda fase do polígono empresarial do Pousadoiro e diversas actuacións nas estradas autonómicas ao seu paso polo termo municipal.

Así mesmo, tamén se trataron outras iniciativas como o tanque de tormentas ou a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).

Luisa Piñeiro quixo agradecer a acollida brindada no Concello de Vilagarcía de Arousa e, tras analizar as moitas actuacións desenvolvidas na capital do Salnés, as que están en marcha e as solicitadas, amosou a súa “absoluta disposición para traballar de xeito conxunto co Concello para sacar adiante os grandes proxectos para Vilagarcía e os seus cidadáns”.

Pola súa banda, o alcalde arousano quixo agradecer a presenza da delegada, amosou a súa confianza no seu traballo, desexoulle sorte e valorou especialmente a súa procedencia da política municipal tras case dez anos como rexedora de Moraña, xa que cre que será sensible coas demandas dos concellos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre