Inicio Galicia Lugo acolleu esta semana un curso sobre certificación de benestar animal en...

Lugo acolleu esta semana un curso sobre certificación de benestar animal en explotacións de vacún de carne e porcino

0
image_gallery.jpg

Estas accións están integradas no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria


A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organizou esta semana dous cursos sobre certificación de benestar animal (protocolo Welfare), un deles en explotacións de vacún de carne e outro en granxas de porcino. Ambas accións formativas impartíronse no salón de actos da sede da Xunta en Lugo.

Estas iniciativas estiveron dirixidas principalmente a traballadores do sector primario. Cada unha delas contou cunha duración total de 10 horas, metade delas de formación teórica e a outra metade práctica a través da resolución de dous casos que se desenvolveron en granxas de Becerreá (no caso de gando vacún) e de Portomarín (no caso do de porcino). Ditas xornadas foron impartidas por persoal especialista do Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentaria (IRTA), que actualmente se considera un dos principais centros de referencia internacional en materia de certificación de benestar animal.

O obxectivo destas actividades formativas é que os produtores obteñan os coñecementos necesarios sobre o protocolo Welfare Quality e o seu modelo de valoración, co fin de que poidan aplicalo para obter un selo de calidade que axude a mellorar a comercialización dos seus produtos. Ambos cursos sobre este modelo de certificación en benestar están integrados no Plan de formación ao agro galego, que leva a cabo a Consellería de forma continua para impulsar o desenvolvemento de actividades de demostración e información e así mellorar a formación de agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre