Inicio Galicia Lorenzana destaca que o apoio da Xunta aos autónomos, microempresas e hostaleiros...

Lorenzana destaca que o apoio da Xunta aos autónomos, microempresas e hostaleiros contará cun investimento de preto de 80 M?

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expoñer as principais liñas do Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas, que sairá publicado no DOG este mesmo mes


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta das principais liñas do Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas que, segundo afirmou, sairá publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) neste mes de novembro.

Así, explicou que a iniciativa está dotada con 79 millóns de euros para chegar a 30.000 autónomos e 10.000 microempresas e que inclúe tres liñas de axudas: para autónomos, para microempresas ou autónomos con persoal contratado ao seu cargo e unha específica para o sector da hostalería que se vexa obrigado a pechar a súa actividade ao público por decreto das autoridades sanitarias. Deste xeito, sinalou que o obxectivo deste Plan é apoiar aos traballadores galegos para que poidan manter o seu emprego e facer fronte aos efectos da crise sanitaria, pero tamén impulsar a recuperación e garantir a estabilidade dos negocios máis afectados.

As diferentes axudas son compatibles entre si, polo que, segundo engadiu a titular de Emprego e Igualdade, os hostaleiros e hostaleiras de Galicia poderán recibir axudas directas de entre 2.200 e 7.200 euros.

Así mesmo, a titular de Emprego e Igualdade apuntou que esta compensación económica impulsouse co obxectivo de contribuír a manter os gastos fixos que deben asumir estes locais mentres permanezan pechados e puxo en valor que o único requisito que pide a Xunta é que o negocio estea situado nun dos concellos que teña decretado o peche da súa actividade.

Lorenzana tamén destacou o contacto fluído e permanente que mantén o seu departamento coas asociacións da Mesa do Emprego Autónomo e sindicatos e patronal no marco do Diálogo Social. Aclarou que, por exemplo, os CNAES de actividades consideradas como especialmente paralizadas incluídos no Plan, que se poderán beneficiar dun maior apoio económico, foron negociados e consensuados cos principais interlocutores socias e económicos da Comunidade.

Tramitación áxil e sinxelaA tramitación dos apoios previstos no Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas será áxil e sinxela para que cheguen canto antes aos sectores máis afectados. Por iso, o único requisito que se establece é a presentación dunha declaración responsable por parte do solicitante da axuda. Ademais, os requisitos melloran aos esixidos polo Estado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego, xa que as axudas para autónomos poderán beneficiar aos que presenten unha caída da facturación do 50% (fronte ao 75% que establece o Real Decreto Lei 30/2020); e os establecementos hostaleiros pechados que continúen efectuando reparto de comida a domicilio ou de recollida no local poden optar ás axudas (mentres o Estado restrinxe o acceso á subvención a unha suspensión da actividade do 100%).

A conselleira aproveitou a intervención para pedir ao Goberno central que pasado o día 31 de xaneiro continúe prorrogando os ERTE activos ata que mellore a situación ou, como mínimo, mentres dure o estado de alarma.

Por outra banda, solicitou “unha maior seriedade” aos grupos da oposición á hora de establecer comparativas, dado que “non resulta lóxico equiparar as axudas do Estado alemán coa capacidade económica dunha comunidade autónoma”.

Por último, Lorenzana resaltou que o Plan complementa ás axudas do Estado, así como as de calquera outra Administración pública; e apelou á cooperación entre todas as administracións para poder axudar dun xeito máis eficaz ás persoas afectadas pola covid-19. “Desde Administracións locais e Deputacións, Gobernos autonómicos, Goberno estatal, organismos europeos… Xuntos encararemos os principais retos aos que se enfronta o mercado laboral”, rematou.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre