Inicio Galicia Lorenzana avalía co alcalde de Ames as liñas de axudas da Xunta...

Lorenzana avalía co alcalde de Ames as liñas de axudas da Xunta para impulsar a formación para o emprego

0

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza por videoconferencia co alcalde da localidade coruñesa, José Manuel Miñones

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia unha xuntanza co alcalde de Ames, José Manuel Miñones, na que avaliaron os programas do departamento autonómico dirixidos a impulsar a formación para o emprego.

Lorenzana puxo en valor a importancia de ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un traballo, ao tempo que destacou a aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación á carta das necesidades do tecido empresarial. Así, indicou que nesta liña a Xunta ten en marcha programas como os obradoiros e os programas integrados de emprego, así como as unidades formativas na empresa.

Precisamente, o Concello de Ames vén de resultar beneficiario dun obradoiro e dun programa integrado de emprego, dúas iniciativas que ofrecen formación ás persoas desempregadas. Así, a Xunta concedeu ao Concello unha axuda de 346.946 euros para a posta en marcha dun obradoiro dual de emprego sobre o Camiño de Santiago, no que participarán 20 alumnos e alumnas. Doutro lado, Ames tamén resultou beneficiario dun Programa Integrado de Emprego (PIE) específico para mulleres con 100 prazas. A axuda do Goberno galego ascendeu neste caso a preto de 215.000 euros.

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas dos obradoiros duais e dos programas integrados de emprego que permitirán a celebración dun total de 96 iniciativas para incrementar a formación e as oportunidades laborais de 4.628 persoas desempregadas da Comunidade cun investimento de 29,5 millóns de euros.

En concreto, desenvolveranse 62 obradoiros duais de emprego -cun investimento total de 21,3 millóns de euros, un 11% máis que a convocatoria anterior- e 34 programas integrados -dotados con 8,2 millóns de euros- que incrementarán as oportunidades laborais das galegas e galegos.

Lorenzana, ademais, resaltou na reunión a importancia da colaboración entre administracións para impulsar entre todos o emprego local. Neste senso, agardou seguir estreitando a colaboración co Concello de Ames como ata o de agora. En 2019, esta Administración local recibiu o apoio da Consellería de Emprego e Igualdade a través de diferentes liñas de axudas que sumaron máis de 700.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre