Inicio Galicia Lola Correa nomeada nova directora de ?Escenas do cambio', o festival de...

Lola Correa nomeada nova directora de ?Escenas do cambio', o festival de teatro, danza e arte en acción do Gaiás

0
image_gallery.jpg

A xestora cultural dirixirá o certame de inverno da Cidade da Cultura, un dos máis vangardistas de Galicia e que conta cun nome propio no circuíto europeo


A xestora cultural Lola Correa (Vigo, 1962) vén de ser designada como nova directora de Escenas do cambio, o Festival de inverno de Teatro, Danza e Arte en acción da Cidade da Cultura e un dos máis vangardistas de Galicia nestas disciplinas.

Lola Correa, que foi directora durante 16 anos do Festival das Artes Escénicas de Vigo ALT, tomará as rendas xa da sétima edición, que se celebrará a principios do ano que vén, e cuxa programación estará enmarcada no Xacobeo 2021.

A tamén artista escénica e dramaturga substitúe a Pablo Fidalgo, ao que Consellería de Cultura e Turismo quere agradecer o seu importante labor ao fronte de Escenas do cambio, no que desde a súa posta en marcha en 2015 logrou a participación de artistas de prestixio internacional e que se fixese cun nome propio no circuíto europeo.

Currículo profesionalArtista escénica, creadora, docente, dramaturga e xestora cultural, Lola Correa está licenciada en Dramaturxia e Dirección de escena pola RESAD (Real Escola Superior de Arte Dramática). Recibiu formación de danza e metodoloxía de artes na escena contemporánea con diferentes profesionais.

Durante 16 anos dirixiu o Festival das Artes escénicas de Vigo ALT, onde tamén asumiu as tarefas de programadora e asesora de produción, ademais de dirixir distintas mesas temáticas sobre a muller nas artes escénicas. Desde o festival ALT iniciou e propulsou a Plataforma estatal de artes escénicas non convencionais, que aglutinaba a todos os festivais do Estado.

No seu labor como directora do festival ALT de Vigo acudiu a distintos festivais e feiras tanto nacionais como internacionais e foi convidada a diferentes mesas sobre festivais de artes escénicas contemporáneas. O seu currículo profesional complétase cunha ampla experiencia na docencia no eido teatral, tanto no actoral como na dramaturxia.‘Escenas do cambio’ cun nome propio no circuíto europeoDurante o seus seis anos de existencia, Escenas do cambio contou coa participación tanto de artistas como de institucións internacionais e de prestixio, interesados en participar coas súas obras, no primeiro caso, e en colaborar coa Cidade da Cultura no desenvolvemento do festival, no segundo.

Así o demostra, desde a súa primeira edición, en 2015, cando Marcelo Evelin, un dos coreógrafos máis destacados do panorama actual e contemporáneo, decidiu que fose Escenas do Cambio o lugar onde estrear por primeira vez nun país europeo a peza De repente fica tudo preto de gente. Na de 2016, a prestixiosa compañía mexicana Lagartijas tiradas al Sol fixo tamén a súa estrea mundial de Tijuana neste certame; mentres que na de 2017 reuniu na mesma edición nomes imprescindibles como Federico León, Rodrigo García, Guillermo Calderón, Mariano Pensotti, Manuela Infante ou Magdalena Arau.

Xunto a estas montaxes, Escenas do Cambio trouxo a Galicia proxectos das compañías máis vangardistas do panorama internacional, como foi colectivo BERLIN, os proxectos de Ant Hampton e Tim Etchells, Takao Kawaguchi ou Trajal Harrell. A edición de 2018 seguiu esta mesma liña e supuxo poder ver en Galicia a última e premiada peza de Tiago Rodrígues, director do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, Antonio e Cleopatra. Na de 2019 contouse con mitos da arte contemporánea como Legia Lewis, Esther Ferrer, Isidoro Valcárcel e Jam Martes. E na última de 2020 foi escenario de sete estreas coa participación de artistas premiadas internacionalmente, como Ula Sickle ou Gisele Vienne.

Escaparate da escena galega e máis de 12.000 espectadoresEn todas as súas edicións, Escenas do cambio mantén a súa aposta por pezas dunha alta calidade artística e netamente culturais que procuran promover, repensar e replantexar ópticas e perspectivas ao espectador e a súa conciencia, á vez que tamén por ser escaparate dos proxectos da escena galega, que sempre conta cun importante oco para dar a coñecer os seus traballos, como son o caso de compañías como Voadora ou Ilmaquinario Teatro e artistas como Quico Cadaval ou Celso Fernández Sanmartín, entre outros moitos.

As actividades, que centran o seu desenvolvemento na Cidade da Cultura de Galicia, teñen tamén lugar noutros escenarios da capital galega, como o CGAC, o Salón Teatro, o Teatro Principal, a Sala Agustín Magán, o parque de Belvís, a zona monumental, a Estación de Ferrocarril e mesmo en casas particulares compostelás. E teñen gozado cos espectáculos e actividades de Escenas do cambio máis de 12.000 espectadores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre