Inicio Galicia Lete Lasa visita os concellos da Cañiza, Arbo, Salvaterra de Miño e...

Lete Lasa visita os concellos da Cañiza, Arbo, Salvaterra de Miño e Redondela que serán catro dos 22 municipios pontevedreses onde a Secretaría Xeral para o Deporte executará obras en 2019

0

O importe total das actuacións en Pontevedra chegará aos 1,35 millóns de euros dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará medio millón de euros


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá os concellos pontevedreses da Cañiza, Arbo, Salvaterra de Miño e Redondela onde, acompañado polos responsables locais, achegouse ás instalacións deportivas que serán obxecto de reforma ao longo deste 2019. En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.

No caso da Cañiza, o responsable do Deporte, acompañado polo alcalde Miguel Domínguez, galego desprazouse ata o complexo deportivo municipal formado pola piscina climatizada, casa de cultura, cine Paradanta e ximnasio. A Secretaría Xeral para o Deporte realizará a cuberta das pistas de pádel que se atopan dentro do solar do complexo. Esta actuación terá un investimento total de 48.386,91 euros dos que a Xunta de Galicia achegará 40.000.

Tamén en Salvaterra de Miño, a Secretaría Xeral para o Deporte levará a cabo a construción dunha nova pista de pádel que completará as instalacións deportivas do Casal, na zona de Os Ramallás. Esta nova pista terá un custo duns 47.819,08 euros achegados integramente pola Xunta de Galicia. O secretario xeral, acompañado pola tenente de alcalde, Marta Valcárcel, destacou o crecemento dun deporte que “aínda non chegou ao seu punto álxido como o pádel” e apuntou que “a oferta de instalacións deportivas do Goberno autonómico sempre será coherente coas demandas da poboación coa fin de que cada vez máis persoas practiquen actividade física”.

En Arbo, o titular da carteira autonómica de Deporte mantivo unha breve reunión co alcalde, Horacio Gil co que tratou a próxima actuación no pavillón municipal de Arbo no que a Xunta de Galicia investirá 15.000 euros. As obras de mantemento terán como obxecto a substitución de panel sándwich de cuberta sobre os vestiarios, reparación de canalóns da anterior cuberta, pintado de vestiarios con reparacións puntuais e substitución porterías fútbol.

Cara o final da mañá, Lete Lasa visitou o concello de Redondela para acudir ao pavillón municipal de Chapela que desde o mes de novembro tomou o nome de Manuel González Soto, ex presidente do Balonmán Chapela, tristemente falecido en xaneiro. Xunto ao alcalde, Javier Bas, o secretario xeral repasou as obras varias que se realizarán no pavillón ao longo deste 2019 e que se ocuparán da nova distribución zona ximnasio, acondicionamento espazos, instalación de falso teito e pintado por un importe de 39.964,57 euros achegados pola Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 4.184.217 euros -un 47% máis que o destinado inicialmente en 2018-.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre