Inicio Galicia Lete Lasa estuda cos seus homólogos e o CSD as medidas para...

Lete Lasa estuda cos seus homólogos e o CSD as medidas para optimizar os efectos positivos e minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma no eido deportivo

0

O secretario xeral confía en que os deportistas “comportaranse neste tempo coa mesma responsabilidade coa que o fan en cada competición. Son tempos difíciles de quedar na casa e colaborar para previr os contaxios. Cumprindo todas as instrucións, de seguro que pronto volveremos á normalidade”


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na reunión telemática convocada pola presidenta do Consejo Superior de Deportes, Irene Lozano, e que congregou de xeito virtual a todos os responsables das carteiras deportivas autonómicas do país.

A xuntanza, na que o mandatario galego participou desde a sede da Secretaría Xeral para o Deporte na Escola Galega de Administración Pública, serviu para tratar os asuntos que afectan ao eido deportivo derivados do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

O responsable da carteira deportiva da Xunta mandou unha mensaxe de ánimo e apoio para todos os galegos e galegas e, particularmente, para os deportistas nos que confía plenamente para saír desta situación canto antes. Non teño dúbida, dixo, de que os nosos deportistas “comportaranse neste tempo coa mesma responsabilidade coa que o fan en cada competición. Son tempos difíciles de quedar na casa e colaborar para previr os contaxios. Cumprindo todas as instrucións, de seguro que pronto volveremos á normalidade”.

Ao longo da reunión, Lete Lasa, defendeu os intereses do deporte a nivel nacional e, particularmente, a nivel galego, propoñendo as medidas máis beneficiosas para deportistas, clubs e federacións. Neste sentido, o responsable do Deporte galego enunciou temas de relevancia como o posible aprazamento dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos e os sistemas de clasificación para os mesmos; o aprazamento ou cancelación das competicións de ámbito estatal, profesionais e non profesionais, así como das Ligas Autonómicas e as fases de ascenso e de descenso; a suspensión dos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas; o peche dos centros de alto rendemento e tecnificación; ou os procesos de recoñecemento dos deportistas de alto nivel e as bolsas ás que poden optar.

Asemade, outros dos puntos tratados na reunión e valorados tamén polo secretario xeral foron os relativos ao eido económico e administrativo do deporte como os gastos xa asumidos por federacións e clubs para a realización dos campionatos ou as medidas necesarias para o mantemento do emprego no deporte para técnicos e deportistas.

O Plan de Patrocinio de Alta Competición da Fundación Deporte Galego, os visados de xogadores estranxeiros, as subvencións para actividades que xa estaban en marcha ou a cobertura dos seguros deportivos, entre eles o seguro 6-16 XOGADE, foron outros asuntos abordados por Lete Lasa.

Durante a reunión, o secretario xeral trasladou ao CSD as dúbidas e consultas que os deportistas, clubs e federacións formularon á Secretaría Xeral para o Deporte a través das canles habituais e do correo incidencias-federacions.deporte@xunta.gal, habilitado pola Xunta para as consultas estritamente deportivas. Deste xeito, a Secretaría Xera para o Deporte manterá informado a todo o tecido deportivo a través de comunicacións periódicas dos avances que vaian xurdindo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre