Inicio Galicia Lete Lasa enxalza a "dedicación e o compromiso" das 31 agrupacións deportivas...

Lete Lasa enxalza a "dedicación e o compromiso" das 31 agrupacións deportivas escolares na sinatura dos convenios de colaboración que medran nun 50%

0

Valora o feito de pasar dunha orde de subvencións á sinatura de 31 convenios individuais como “un cambio de modelo que prima a colaboración, a asistencia e a cooperación entre cada unha das agrupacións e este departamento”


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no día de hoxe na xornada de traballo levada a cabo coas 31 agrupacións deportivas escolares de Galicia e na que se asinaron os convenios de colaboración para a práctica e o desenvolvemento da súa actividade no ámbito do deporte en idade escolar no marco do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar). O importe total dos acordos asinados hoxe ascende a 180.761 euros cando en 2018 se destinaron 120.000 euros ás Agrupacións Deportivas Escolares a través da orde de subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas. O incremento do orzamento destinado ás ADEs ascende ao 50%.

O feito de pasar dunha orde de subvencións á sinatura de 31 convenios individuais débese a “un cambio de modelo que prima a colaboración, a asistencia e a cooperación entre cada unha das agrupacións e este departamento”. Nas súas verbas, o mandatario galego destacou a “dedicación e compromiso” das agrupacións deportivas escolares que contribúen a “facer medrar o noso deporte e a nosa actividade física en idade escolar e a sumar máis e máis nenas e nenos á práctica deportiva e de actividade física para consolidar hábitos cotiáns e saudables de vida”. Neste sentido, o responsable do Deporte galego, lembrou a máxima prioridade da Secretaría Xeral que é “resolver de maneira efectiva un dos problemas máis perentorios a nivel mundial dos nosos días: a prevalencia do sedentarismo e do sobrepeso, e as súas consecuencias para a saúde física e psíquica e a calidade de vida da poboación”.

Do mesmo xeito, avanzou a vontade da Secretaría Xeral para o Deporte de sumarse ao proxecto do Día Europeo do Deporte Escolar, que se celebrará o vindeiro venres 27 de setembro e que en 2018 congregou a máis de 300 institucións educativas e administracións públicas, e superando os 400.000 alumnos participantes. “Temos criterio, temos experiencia e temos coñecemento suficiente para poder achegar ao resto de España e aos nosos socios europeos, unha visión efectiva de como abordar a loita contra o sedentarismo e a obesidade infantil desde o deporte e a actividade física, coa imprescindible concorrencia dos nosos centros educativos”, apuntou.

Con respecto á xornada levada a cabo hoxe, o secretario xeral valorou a oportunidade de “intercambiar ideas, boas prácticas e posibles solucións estratéxicas” e manifestou o seu convencemento de que “xurdirán moitas e moi boas oportunidades”. Así tamén sinalou os eixos de actuación básicos do programa Xogade como son as actividades físico-deportivas e a riqueza polideportiva, o beneficio das funcións educativa, inclusiva e integradora do deporte, potenciar os seus valores individuais e colectivos, fomentar a práctica de actividade física como hábito saudable e perdurable ao longo dos anos e facelo, dixo, “da man dos axentes deportivos, educativos e de calquera outra índole afectados, e sempre ademais coa vista e especial coidado do carácter e particularidade do noso territorio e cultura”.

Os acordos que se ocuparán da organización e desenvolvemento de probas deportivas, de xornadas lúdicas-deportivas e de competicións e concentracións deportivas benefician ás 12 agrupacións deportivas escolares da provincia de Pontevedra (A Estrada, Terras do Ulla, Terra de Montes, Val Miñor, Areas Gordas, Zona Pontevedra, O Condado e Paradanta, Val do Salnés, O Pino, Baixo Miño Tui, 14 e Xoga DXT Escolar en Vigo), ás 8 da provincia de Ourense (Valdeorras, Alta Limia, As Burgas, Arenteiro, San Rosendo, O Ribeiro, Monterrei e A Limia), ás 6 da provincia de Lugo (A Montaña, Terra Cha, Surlugo, A Mariña, Lucus e Río Cabe) e ás 5 da provincia da Coruña (APA Liceo, El Castillo, As Rías, La Parra e Escolárix).

Subvencións a clubs e entidadesParalelamente á xornada de traballo con agrupacións deportivas escolares mantida hoxe na EGAP, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 16 de maio de 2019 establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Para a concesión destas subvencións destínanse 1.920.000 euros, establecéndose a axuda máxima por entidade beneficiaria en 29.999 euros. En 2018 esta orde que incluía tamén as axudas ás agrupacións deportivas escolares contou cun orzamento total de 2.020.000 euros, sendo 1.900.000 euros os cartos destinados a clubs, sociedades e seccións deportivas, polo que neste 2019 medra un 1%. Este total poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Os gastos que se subvencionen corresponderán ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro do mesmo ano, debendo terse efectuado e pagado nese período.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Equipamentos deportivosPor outra banda, a resolución do 22 de maio de 2019 establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Para o exercicio económico do 2019, o crédito orzamentario para financiar estas axudas é de 603.700 euros, un 45% máis que o destinado en 2018 cando foron 416.228 euros. Este crédito orzamentario poderase incrementar como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias.

Cómpre salientar que dentro destas axudas a Secretaría Xeral sufragará o 80% do custo do material, mentres que a entidade beneficiaria deberá abonar o 20% (en 2018 o pago compartíase ao 50%). A cantidade máxima subvencionable para clubs ascende aos 20.000 euros (10.000 en 2018) e aos 30.000 euros para as federacións deportivas (20.000 o ano pasado). Resérvase o 30% do total do orzamento da orde para as federacións deportivas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre