Inicio Galicia Lete Lasa destaca o Mundial de tríatlon de longa distancia que se...

Lete Lasa destaca o Mundial de tríatlon de longa distancia que se disputará mañá en Pontevedra no marco do ITU Multisport como 'o mellor da historia polo nivel dos participantes'

0

Anima a todos os representantes galegos que mañá loitarán por subirse ao podio e especialmente aos que competirán na categoría elite: Saleta Castro na carreira feminina e Pablo Dapena, Gómez Noya e Gustavo Rodríguez na masculina


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na rolda de prensa do Mundial ITU Multisport que se está a celebrar desde o 27 de abril en Pontevedra e que engloba un total de cinco campionatos mundiais: dúatlon, aquabike, acuatlon, tríatlon cross e tríatlon longa distancia, que terá lugar mañá como colofón do festival. De feito, o máximo responsable do Deporte galego referiuse a esta proba como “o mellor mundial de longa distancia da historia polo percorrido, polo altísimo nivel dos participantes e como non, por estar en Galicia”.

Ao fío desta idea lembrou algúns dos nomes máis importantes que estarán na carreria masculina de mañá como son os dos galegos Pablo Dapena, vixente campión do Mundo, Javi Gómez Noya, pentacampión mundial de tríatlon e Gustavo Rodríguez, ou o neozelandés Terenzo Bozzone, cinco veces tamén campión do Mundo en varias disciplinas. Na categoría feminina, ademais da galega Saleta Castro destacan os nomes das danesas Camila Pedersen, campioa en 2017 e Maja Stage que finalizou en quinta posición o pasado ano.

Na súa intervención, Lete Lasa destacou que “3.600 persoas se reúnan nunha cidade de 80.000 habitantes como Pontevedra para facer tríatlon é un fito de deporte, de sociedade, pero sobre todo de país”, polo que definiu ao Multisport como “o meirande evento de tríatlon que se ten realizado nunca en España, non só polo número de participantes que suma ou polo nivel dos deportistas, senón tamén pola complexidade loxística que leva aparellada unha organización deste calibre”.

Dentro dos 3.600 deportistas -que xuntan case 4.000 participacións- o secretario xeral destacou a presenza de preto de 200 galegos, un 5,5% de representación do deporte galego.”Temos toda a esperanza de poder poñer o broche de ouro a esta gran competición cun galego e cunha galega subidos ao máis alto do podio”, sentenciou.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre