Inicio Galicia Lete Lasa destaca o liderado de Galicia no deporte que se demostra...

Lete Lasa destaca o liderado de Galicia no deporte que se demostra cos éxitos en disciplinas tan variadas como atletismo, ximnasia, xadrez ou surf durante as recepcións aos campións de España

0

Mauro Triana, o Club Acordes e o Club Ximnasia Tempo foron recibidos na Coruña mentres que a selección galega de surf e unha delegación de nenos e nenas con importantes resultados nos Campionatos de España de Xadrez foron recibidos en Vigo


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu esta mañá na Coruña a algúns dos deportistas galegos máis laureados nesta última tempada. Por unha banda, á recepción acudiu Mauro Triana que a principios de ano acadou a medalla de prata no Campionato de España 2019 en pista cuberta en 200 metros lisos. O mandatario galego gabou a traxectoria do atleta coruñés que tras superar un período de dous anos sen poder adestrar con normalidade debido ás lesións, “está a acadar magníficos resultados que de seguro farán que volva a conseguir grandes éxitos”.

Por outra banda, as integrantes dos equipos do Club Acordes Rítmica e Estética, con sedes en Narón e Oleiros, e do Club Ximnasia Tempo, con sede en Arteixo, tamén se entrevistaron co secretario xeral que aproveitou para felicitalas polos seus últimos éxitos. O Club Acordes vén de disputar o Campionato de España de Equipos e Copa de España Conxuntos onde a ximnasta Iria Álvarez proclamouse campioa de España Júnior en cinta e a súa compañeira, Martina Casas, subcampioa de España Benxamín en pelota.

Ademais, o Club Ximnasia Tempo acadou o terceiro posto do Campionato de España de Ximnasia Artística celebrado do 30 de xuño ao 7 de xullo en Valencia. O titular do Deporte galego valorou o “excelente estado de saúde da ximnasia galega que foi capaz de sacar a unha nova campioa nacional de ximnasia rítmica España despois de trece anos de espera”.

Xadrez e Surf en VigoXa pola tarde, o secretario xeral recibiu na Casa do Deporte de Vigo a algúns dos integrantes da selección galega de surf que se proclamaron campións de España en Valdoviño (A Coruña) revalidando o título acadado en 2018. O secretario xeral puxo de exemplo o surf como un deporte que “se está a arraigar en Galicia e que cada día conta con máis participantes xa que, entre outros motivos, contamos cunha das competicións máis importantes do mundo, o Galicia Surf Pro”.

No que respecta ao xadrez, Lete Lasa recibiu aos nenos e nenas que veñen de acadar medalla nos Campionatos de España de Xadrez de categorías inferiores. A delegación estaba composta por unha campioa de España (sub 8), tres subcampións (sub 8 feminino, sub 12 de xadrez rápido masculino e sub 12 de xadrez rápido feminino) e dous terceiros postos (sub 10 feminino e sub 14 masculino).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre