Inicio Galicia Lete Lasa destaca a importancia dos 58 protocolos do deporte autonómico que...

Lete Lasa destaca a importancia dos 58 protocolos do deporte autonómico que permiten o mantemento da práctica deportiva federada

0

O secretario xeral para o Deporte reuniuse virtualmente cos presidentes das 58 federacións deportivas para abordar o decreto e a orde

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu no serán de hoxe unha nova reunión do Foro do Deporte Federado ‘Optimizando Sinerxías’ na que se abordou o decreto e a orde publicados no día de onte no Diario Oficial de Galicia polos que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Lete Lasa destacou a importancia dos 58 protocolos das federacións deportivas galegas, realizados ao abeiro do FISICOVID-DXTGALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia. Grazas a “profesionalidade, seriedade e responsabilidade” coa que se realizaron estes manuais, o deporte autonómico federado volve estar exceptuado das novas restricións polo que concluíu que “cumprindo todas as medidas de seguridade e hixiene, o deporte galego é deporte seguro”.

No que respecta ao deporte non federado, Lete Lasa informou que o decreto e a orde introducen algunhas modificacións no que respecta a actividade en instalacións deportivas e na celebración de eventos deportivos, de adestramentos e de competicións deportivas con público para os 60 municipios galegos que contan coas medidas máis restritivas. Deste xeito, “a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, o monitor”. Ademais, “nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva de forma individual, sen contar, se é o caso, o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida”.

No que atinxe aos aforamentos, os eventos deportivos “poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida da instalación cun límite de 30 persoas para lugares pechados e de 75 persoas se se trata de actividades ao aire libre. Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de 50 persoas para lugares pechados e 150 persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio”.

O secretario xeral amosou o seu convencemento de que tras este mes de maiores restricións os datos de Galicia referidos á evolución da pandemia mellorarán e, do mesmo xeito, gabou o “espírito de adaptación e de superación” amosado polo deporte galego ao longo de toda a crise sanitaria.

Lete Lasa tamén lembrou aos presidentes das federacións que as actividades deportivas federadas estarían exceptuadas das limitacións de circulación nas franxas horarias entre as 23,00 e as 06,00 horas nos supostos nos que se acredite a súa necesidade. Neste sentido, os deportistas deberán portar un certificado da correspondente federación deportiva na que acrediten as causas xustificadas sendo unicamente estas xeradas por motivos propios da práctica deportiva federada -asistencia a unha competición oficial, lugar de adestramento e pertenza a un club fóra da localidade de residencia, horario de adestramento…-.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre