Inicio Galicia Lete Lasa comunica aos deportistas galegos de alto nivel de Vigo as...

Lete Lasa comunica aos deportistas galegos de alto nivel de Vigo as novidades das que se poderán beneficiar no 2020 e a liña de axudas para os xogos de Toquio que sairá en abril

0

En total, desde o ano 2008, os deportistas galegos de alto nivel recibiron uns 4,4 millóns de euros (4.347.820 euros) no que respecta ás axudas da Fundación Deporte Galego


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo un encontro de traballo cos deportistas galegos de alto nivel de Vigo e a súa área de influencia no que comunicou aos asistentes as novidades das que se poderán beneficiar neste 2020 así como as vantaxes que incluirá o novo decreto de deporte de alto nivel.

Na xuntanza mantida na Casa do Deporte, o responsable do Deporte galego informou que no momento actual, despois da última resolución do 14 de outubro de 2019, Galicia conta con 437 deportistas de alto nivel (176 mulleres e 261 homes), dos cales 12 son deportistas con discapacidade, o número máis alto da serie histórica e que representa o pulo que a Xunta de Galicia está a facer polo deporte inclusivo. Todos eles representan a 44 modalidades deportivas.

No tocante ás axudas, os deportistas galegos de alto nivel recibiron neste 2019 un total de 410.000 euros, o que representa un 16% máis que o importe final resolto de 2018 e a contía máis elevada desde 2011. Ademais, tamén percibiron outros 181.000 euros grazas aos contratos de patrocinio asinados coa Secretaría Xeral da Igualdade para que deportistas de elite galegos clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos Olímpicos de Toquio 2020 participen en campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero. En total, desde o ano 2008, os deportistas galegos de alto nivel recibiron uns 4,4 millóns de euros (4.347.820 euros) no que respecta ás axudas da Fundación Deporte Galego.

Precisamente, con respecto aos Xogos deste verán o secretario xeral anunciou unha nova liña de axudas ‘Destino Toquio’ para os deportistas clasificados para os Xogos e que será posta en marcha no vindeiro mes de abril.

Paralelamente a actividade ordinaria da Fundación Deporte Galego, a Secretaría Xeral para o Deporte continua traballando no novo decreto que verá a luz nos vindeiros meses e ten como obxectivo a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.

Ademais, nese decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que “será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre