Inicio Galicia Lete Lasa asina os convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas da...

Lete Lasa asina os convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas da área de Vigo que neste 2020 medran nun 2%

0

Por primeira vez, todas as federacións deportivas de Galicia poderán desfrutar canto antes do pagamento total do orzamento do convenio grazas á súa tramitación de xeito anticipado


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, asinou no serán de hoxe os convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas da área de Vigo. Estes acordos posibilitarán que estas entidades realicen, na súa integridade, a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade.

Neste sentido, o Consello da Xunta autorizou o pasado mes de decembro os 58 convenios de colaboración que o Goberno galego asinará coas respectivas federacións e que ascenden a un importe de 4.392.684 euros (sumando a contía do convenio coa Federación Galega de Piragüismo para o mantemento, conservación e mantemento do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido), o que representa un aumento do 2% con respecto a 2019 (4.306.002 euros) sendo a dotación económica máis elevada desde o ano 2011. Ademais e por primeira vez, todas as federacións deportivas de Galicia poderán desfrutar canto antes do pagamento total do orzamento do convenio grazas á súa tramitación de xeito anticipado.

En total, as 22 federacións deportivas galegas da área de Vigo convocadas para asinar cadanseu convenio no día de hoxe foron a de bádminton (103.032 euros), balonmán (189.614 euros), billar (20.094 euros), bolos (23.457 euros), ciclismo (185.941 euros), deporte adaptado (79.495 euros), espeleoloxía (13.983 euros), hípica (70.448 euros), kung fu (32.039 euros), loita e deportes asociados (112.858 euros), montañismo (30.480 euros), motociclismo (60.380 euros), motonáutica (29.484 euros), petanca (12.656 euros), piragüismo (324.195 euros), squash (37.591 euros), surf (33.947 euros), tenis (106.254 euros), tenis de mesa (40.644 euros), tiro ao voo (6.357 euros), vela (251.069 euros) e xadrez (57.177 euros), así como as de caza (30.329 euros), judo e deportes asociados (141.904 euros), orientación (26.338 euros) e triatlón y péntatlon moderno (170.615 euros), procedentes doutras provincias.

Liñas de axudas para as federacións deportivasO secretario xeral tamén informou que neste 2020 e xunto a estes convenios, as federacións deportivas galegas poderán optar a outras liñas de colaboración coa Xunta de Galicia. Así, as federacións deportivas serán convidadas á participar dos novos contratos de patrocinio federativos grazas á colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade para a realización de campañas de sensibilización contra a violencia de xénero e a actividades deportivas e de formación neste ámbito, así como outras liñas de patrocinio xeradas do Xacobeo 2021. Asemade, subscribiranse tamén neste ano contratos específicos para a celebración de eventos deportivos de especial relevancia e a orde de adquisición de equipamentos deportivos, á que xa se poden presentar solicitudes para esta tempada, incrementándose nun 16,6% no seu orzamento inicial.

Cómpre destacar que no pasado exercicio 2019 as federacións deportivas galegas víronse beneficiadas cun total de 5,6 millóns de euros -sumados os importes das axudas dirixidas a actividade federativa (convenios, Igualdade, Xacobeo, patrocinio de eventos federativos e equipamento)- o que representa un incremento de preto do 50% con respecto ao ano 2018 (3,7 millóns). Ademais, se a esta cantidade engadimos o orzamento do Plan de Patrocinio de Equipos de Alta Competición da Fundación Deporte Galego, as subvencións aos clubs de base, o equipamento para entidades, as agrupacións deportivas escolares, o seguro Xogade, a Liga Galega de Traíñas e as bolsas DGAN, o presuposto para federacións e entidades deportivas ascendeu en 2019 ata os 15,5 millóns de euros, un 46% máis que en 2018 (10,6 millóns de euros).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre