Inicio Galicia Lete Lasa asina o contrato de patrocinio co Náutico de Vigo polo...

Lete Lasa asina o contrato de patrocinio co Náutico de Vigo polo que a Xunta concede 5.000 euros para a realización da Semana do Atlántico Cidade de Vigo e XXVII Trofeo Martín Barreiro 2019

0

Gaba a “excelencia organizativa das regatas de vela que se celebran en Galicia e que afianzan a posición da nosa comunidade como referencia mundial neste deporte”


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou na mañá de hoxe co presidente do Real Club Náutico de Vigo, Rafael Enrique Tapias Presa o contrato de patrocinio para os eventos da Semana do Atlántico Cidade de Vigo e XXVII Trofeo Martín Barreiro 2019, polos que a Xunta de Galicia concede á entidade olívica un total de 5.000 euros.

O secretario xeral gabou a “excelencia organizativa das regatas de vela que se celebran en Galicia e que afianzan a posición da nosa comunidade como referencia mundial neste deporte”. Así, ademais da Semana do Atlántico, o mandatario galego destacou o “rotundo éxito” doutros eventos de vela apoiados pola Xunta de Galicia como o Europeo Júnior das clases 420 e 470 ou as regatas Mar de Maeloc que están a converter este verán “no verán galego da vela e do deporte”.

O responsable do Deporte galego lembrou que “Galicia conta coa mellor materia prima, os mellores regatistas e as mellores regatas”, por iso, apuntou, “o convenio que asinamos coa Federación Galega, sumando todo o achegado desde a Xunta de Galicia, sobe un 42% máis que en 2018 ata chegar ata os 312.000 euros”.

A Semana do Atlántico disputarase en dúas fins de semana consecutivas no mes de outubro e novembro polo que contribúe a desestacionalizar a oferta deportiva do verán e resulta unha importante aposta polo turismo deportivo durante todo o ano. No primeiro ciclo, do 26 e 27 de outubro, terá lugar a Copa de España de Vaurien así como as competicións de snipe, 420 e láser para as categorías xuvenil e sénior. Nesta primeira quenda participarán un total de 150 barcos cun 70% de naves galegas. No segundo ciclo, do 31 de outubro ao 3 de novembro, terá lugar o meeting internacional da clase optimist que porá en xogo o XXVII Trofeo Martín Barreiro entre os 300 barcos que tomarán a saída. Neste caso o número de embarcacións galegas roldará o 60%.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre